As prospeccións que o Ministerio de Defensa veu realizando nas últimas semanas nas tres parcelas do Campo da Estrada, que conforman o polígono da Maestranza, revelan a validez das teses defendidas pola Comisión Aberta en Defensa do Común, plataforma nucleada no seu día arredor dun grupo de cidadáns para denunciar unha serie de iniciativas especulativas e mercantilistas promovidas na cidade polo Ministerio de Defensa, organismo máis interesado en actuar como unha promotora inmobiliaria que en desenrolar as funcións que lle fixa a propia Constitución. Trátase, en definitiva, de terreos comunais que albergan os restos arqueolóxicos das murallas da cidade, cun grande valor patrimonial, isto é, o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosos, explanadas e baluartes da muralla barroca). Ambos sistemas están tipificados como BIC (Bens de Interese Cultural) no catálogo do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (Pepri), que obriga a súa conservación, mantemento e restauración.

A venda dos espazos comunais da cidade aportou aos cidadáns algunhas perspectivas, todo o mínimo que se queiran, sobre as diferentes claves á hora de protexer o patrimonio público, dependendo da vontade política dos diferentes protagonistas. Así, mentres os terreos e instalacións da Ciutadella, do monte e castelo de Montjuich, foron cedidos gratuitamente ó Concello de Barcelona, con Pasqual Maragall na alcaldía e Narcís Serra no ministerio, aquí permitiuse obter sabrosos dividendos a Defensa cos terreos de Zalaeta, Santo Amaro ou o vello Hospital Militar.

Por si acaso, o Concello debe manterse firme respecto á decisión aprobada polo pleno municipal do pasado 11 de abril, no curso de cal, sen nengún voto en contra, acordou, "pedir a Defensa a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos do campo da Estrada para uso público porque son espazos comunais, bens propios, pertenecentes á cidade desde a súa fundación". Eran e son terreos comunais, da cidade, ocupados polas monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e en usufructo polo Ministerio da Guerra.

En definitiva, esta cidade merece mellor trato da que se lle proporcionou últimamente na cuestión urbanística, con especial incidencia nos aspectos relacionados co patrimonio público. Non fai falla unha escrupulosa contabilidade de casos aínda pendentes de resolver froito dun urbanismo irracional e especulativo para entender de qué forma esa perigosa herdanza pode golpear o bolsillo do sacrificado contribuínte.