As famosas cataratas do Niágara, situadas na fronteira entre Estados Unidos e Canadá, contan desde hai cen anos cun transbordador que leva persoas desde a zona superior canadiense ata a parte inferior da catarata. Foi o primeiro teleférico para pasaxeiros de toda Norteamérica, o Niagara Spanish Aerocar, chamado así porque se construíu a partir do deseño do español Leonardo Torres Quevedo (1852-1936). O centenario é a razón pola que neste 2016 se celebra o Ano dedicado a ese sobranceiro enxeñeiro e matemático, cualificado como o máis salientable inventor do seu tempo.

O físico Brañas

O que resulta menos coñecido é o feito de que un dos seus colaboradores foi un notable científico galego, o coruñés Gonzalo Brañas Fernán- dez (1866-1948). Fillo de Consuelo Fernández Miranda, de Betanzos, e do xornalista, escritor e farmacéutico coruñés Gonzalo Brañas Sánchez Boado, que era medio irmán de Alfredo Brañas Menéndez, o catedrático da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, sobranceiro representante do rexionalismo conservador galego.

Realizou o Bacharelato no Instituto herculino e acadou a licenciatura en Ciencias en Madrid en 1895, por libre. Tendo en conta que eses estudos os rematou con máis de trinta anos e que xa era perito mercantil e profesor de Debuxo, podemos supoñer que súa vocación científica foi tardía ou algunha circunstancia lle impediu realizalos antes, por exemplo o lamentable feito de que desde 1867 non existía Facultade de Ciencias en Galicia, que só se restituíu en decembro de 1922 e limitada á carreira de Químicas.

En Madrid con Torres Quevedo

A creación da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) en 1907 significou un cambio cualitativo para o desenvolvemento da ciencia en España, coa dotación de bolsas de estudo no estranxeiro e creación de diversas entidades. Unha delas foi, en 1910, a Asociación de Laboratorios, para fomentar os estudos experimentais e, sobre todo, atender á construción de material de ensino e de laboratorio e favorecer a colaboración entre os existentes. A Asociación integrou o Laboratorio de Automática de Torres Quevedo, quen xogou un papel protagonista na construción de prototipos; o salientable físico Blas Cabrera (1878-1945) foi nomeado secretario.

Os bolseiros que a JAE seleccionou para traballar nesa Asociación foron Martín Alcalá Zamora e o noso Gonzalo Brañas, catedrático de Física no Instituto de Oviedo desde 1903, quen permaneceu alí dous meses en 1910 e un ano en 1911, asumindo o compromiso de construír un magnetógrafo, un aparato para o rexistro do magnetismo. Brañas tiña interese en estudar a relación entre cambios da actividade solar e as variacións no campo magnético terrestre e para iso coidaba necesario dispoñer de aparatos precisos na medición mais tamén doados de trasladar e baratos. Desenvolveu ese labor no Laboratorio de Automática de Torres Quevedo e construíu dous modelos do denominado "Magnetógrafo mecánico automático", que hoxe podemos ver na Escuela Técnica Superior de Caminos de Madrid.

En 1913 foi nomeado xefe técnico do taller do Instituto de Material Científico organismo creado pola JAE para fornecer de material científico aos centros docentes. Esa posición en tan relevante institución e o labor docente de Brañas como profesor auxiliar na Facultade de Ciencias de Oviedo farían pensar en que ao científico coruñés lle agardaba unha brillante carreira nalgún centro da vangarda científica española malia en 1916 trasladouse para a cátedra de Física e Química do Instituto coruñés e reduciu notablemente a súa actividade investigadora.

Inicios na investigación, as ondas electromagnéticas

A vocación científica de Brañas chocara inicialmente, como vimos, coa ausencia de centros de formación superior en Galicia. Esa orfandade levouno ao camiño do autodidactismo, a iniciar a construción da súa carreira investigadora pola súa conta. Así, en 1899 fundou na Coruña o primeiro gabinete radiográfico e radioscópico da cidade, instalación que foi o punto de partida das súas pescudas. Alí preparou o traballo que lle serviu para obter o doutorado en Ciencias: Estudio sobre las radiaciones hertzianas (1907).

Dese xeito comezou o estudo das ondas electromagnéticas. En Física dise que unha onda consiste na propagación dunha perturbación, unha modificación das propiedades do espazo polo que a onda se despraza. Un exemplo ben doado é o das ondas producidas ao botar unha pedra nun estanque. As electromagnéticas son producidas por oscilacións eléctricas e magnéticas (dun campo eléctrico e doutro magnético asociado) e propáganse polo espazo sen necesidade de materia. Diferéncianse pola lonxitude das ondas e frecuencia (número de veces que se repitea vibración,oscilación, por unidade de tempo) e poden ser visibles (a luz) ou invisibles, como as infravermellas, ultravioletas, raios X, ondas da radio, etc.

O rexistro de sinais a grandes distancias

Despois do traballo co magnetógrafo Brañas centrou as súas investigacións no rexistro da telegrafía sen fíos a longas distancias. Iso deu lugar á invención dun novo aparato, un receptor radiotelegráfico que recollía e amplificaba os sinais recibidos por procedementos electromecánicos. Do novo aparato dou conta nunha Nota, La microradiographe, presentada o 6 de xullo de 1914 na sesión da l'Académie des Sciences de París.

Esas pescudas leváronlle a realizar un par de patentes. A primeira foi presentada o 16 de xuño de 1914 e corresponde ao Microrradiografo. Registrador automático de radiogramas. Sistema Brañas, que cualificaba como "Nuevo registrador automático de radiogramas" (mensaxes telegráficas transmitidas por radio). A outra patente corresponde ao denominado "Nuevo revelador telegráfico Brañas", presentado o 2 de xullo de 1914; na memoria de sete páxinas explicaba como os imáns e bobina que formaban o dispositivo permitían dispoñer dunha maior sensibilidade para captar correntes de moi baixa intensidade.

Os esforzos do físico coruñés para mellorar o microrradiófono deron lugar ao cimaciógrafo, un rexistrador de ondas de lonxitude curta, aparato que presentou no Congreso da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias celebrado en 1915 en Valladolid. Nese evento fixo unha demostración pública do seu receptor radiotelegráfico. Nunha sala duns 20 metros de fondo por case 10 metros de ancho, escoitáronse perfectamente e con grande intensidade os sinais horarios do Observatorio de París. Asemade, con igual intensidade chegaron os radiogramas de prensa transmitidos pola estación Eiffel e polas de Poldhu, Norddeich e Nauen (próxima a Berlín).

Profesor no Instituto coruñés, a accidentada viaxe a París

O 29 de setembro de 1916 Gonzalo Brañas tomou posesión da cátedra no Instituto coruñés, no que permaneceu ata a súa xubilación en 1939. Esa decisión limitou a súa produción investigadora porén favoreceu á calidade educativa do centro herculino, de feito foron varios e significados os alumnos que como Juan Rof Carballo ou Emilio González López, subliñaron o excelente labor docente de Brañas, caracterizado polas explicacións prácticas e experimentais na aula. Inicialmente tentou de compatibilizar a actividade educativa cos seus estudos, de feito pretendeu continuar na estación radiotelegráfica militar da Coruña os experimentos sobre radiotelegrafía e, no Observatorio do Instituto, outros relativas ao magnetismo terrestre e á electricidade atmosférica. Nese sentido, en 1917 obtivo o apoio da Asociación Española para el Progreso de las Ciencias para a instalación dunha antena receptora de ensaio no Instituto e realizar pescudas sobre radiotelegrafía.

Probablemente a súa última conexión coa vangarda científica tivo lugar en 1923. O 30 de marzo marchou cara París para estudar durante tres meses o Novísimo procedimiento selectivo y antiparasitario de recepción telegráfica, grazas a unha bolsa da JAE, previa petición directa do profesor galego a Cajal. Por mediación de Blas Cabrera estableceu contacto co profesor M. H. Abraham, visitou o seu laboratorio na École Normale Supérieure e o Observatorio Astronómico, os laboratorios de investigación do Etablissement Central de la Radiotelegraphie Militaire, onde estaban estudando a aplicación á radiotelefonía das ondas curtas, e se achegou ás estacións de Radio France. Tan interesante visita rematou mal. Cando Brañas levaba un mes e dez días de estadía e estaba iniciando o estudo comparativo dos diferentes sistemas de recepción selectiva e antiparasitaria unha triste nova familiar obrigouno a saír precipitadamente de París e volver para A Coruña.