A agrupación Alexandre Bóveda cumpre corenta anos de compromiso coa lingua e a cultura galegas e, para festexalo, organiza hoxe unha gala de música, teatro e palabras. O festival comezará ás 20.00 horas, no teatro Rosalía de Castro, e a entrada é libre e gratuíta. "Hai que estar alí e cando abran as portas, pasar e sentar", comenta o presidente da entidade, Xosé Manuel Sánchez Rei, que di que a entidade pensa xa "de corenta en corenta anos" e que, aínda co paso do tempo, mantén vivos os seus ideais.

Nesta festa de aniversario participarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que interpretarán temas do seu traballo discográfico The tambourine man. Sobre o escenario estarán tamén os membros da compañía de teatro Paso de Valverde, que interpretarán pezas da súa obra Sánatos. Actuará tamén o acordeonista Alberte Núñez. A parte do "fío condutor" correrá ao cargo dos actores Isabel Risco e César Cambeiro. Sánchez Rei indica que, aínda que o de hoxe é o acto máis grande e visible, a entidade leva todo o ano festexando este corenta aniversario con actividades centradas na difusión da actividade cultural que se fai en Galicia e en galego, pasando desde a fotografía ao xadrez e da música ao teatro.