-Até que punto se van incorporar as achegas da oposición na Estratexia do Eidus?
-Estamos a traballar cos técnicos e cando haxa un primeiro borrador pasaráselle á comisión. Se hai achegas, veremos se hai apoio para incorporalas. Eu creo que non vai haber moita marxe para grandes discusións pero estamos dispostos a abrir o debate até onde sexa necesario.
-Cales son esas liñas vermellas que dixeron que non aceptarían cambiar?
-Son a creación dunha cidade inclusiva, que busque reducir a emisión de carbono e mellorar a mobilidade. A política social tamén será un punto intocable.
-Nesta segunda convocatoria baixaron os fondos. Será posible captar aquí os 15 millóns de euros?
-Vai haber unha segunda convocatoria con menos fondos pero tamén seguramente unha terceira con fondos parecidos á primeira. A cidade máis importante de Galicia que se quedou sen fondos foi A Coruña. Eu agardo que iso pese tamén á hora de que o Ministerio tome a súa decisión.
-Está aberta a negociación do billete do bus. Subirá o ano que vén?
-Estamos co expediente para determinar como é a tarifa. Faremos todo posible para que non suba e incluso para que sexa máis barata pero non o podo asegurar a estas alturas.