O concelleiro de Culturas, Deportes e Coñecemento, José Manuel Sande, repasa as liñas estratéxicas da súa área para o vindeiro ano. Enfróntase a asumir a xestión de dous edificios máis e tamén a introducir cambios na maneira de entender a política cultural municipal.

-Están sobre a mesa a cesión do Pazo da Ópera e do Colón, o Goberno local di que si, pero que non a calquera prezo, cal é a cantidade que consideraría xusta?

-Existe esa posibilidade, pero témola que analizar. Hai varios aspectos a ter en conta e que son fundamentais: o xurídico, sobre como se pode formalizar a cesión; o laboral e o económico. O Concello, nestes momentos, tería dificultades para asumir, sen máis, dous edificios desa magnitude con todo o que conleva, de programación e de cambios para os resto de edificios culturais municipais. A parte apaixonante sería a da restruturación de todos os espazos da cidade.

-O programa do BNG avogaba por ir baleirando de contido as deputacións para rematar con elas, iso vai na liña da cesión do Colón, falan de cambio de titularidade do teatro ou só da xestión?

-Non, é unha cesión de uso. Con posterioridade, entendo que se podería rematar nunha relación xa de propietarios.

-En canto ao Colón, que proxectos teñen para dotalo de contido, dado que foi un cine no pasado, podería recuperar esa función como sede dun festival?

-Seguramente sería inútil reiterarnos como centro de exhibición nada máis. A parte cinematográfica está cuberta de xeito máis austero a través de pequenas salas e é verdade que esa posibilidade existiría, podería ser tamén un centro de produción e de creación...

-O 2017 preséntase como un ano de moitos cambios.

-Si, ademais temos o proxecto da Caixa da Memoria, que poría en valor o patrimonio material e inmaterial da cidade, estamos traballando co arquivo municipal, coa Bibliteca de Estudos Locais e co Instituto Cornide nesa idea de recuperación da memoria. Hai un proxecto sobre A Coruña Rebelde, que tratará de recuperar as iniciativas que quedaron esquecidas ou ocultas na historia da cidade, e tamén temos un proxecto fundamental, que é o do castro de Elviña. No 2017 acabarán as obras de excavación e hai que definir as liñas estratéxicas para a súa posta en valor.

-Para esa Caixa da Memoria, o lugar natural semella a antiga prisión provincial.

-Sería un dos lugares onde a memoria atoparía unha plasmación simbólica, pero todo isto ten que ir acompañado dun plan director.

-Había conversas co Goberno estatal para darlle á cadea un uso alén do proceso xudicial, hai algo xa nos orzamentos de 2017 para este fin, sexa cal sexa o contido que se lle dea cando remate o proceso?

-Non tanto dese proxecto, senón doutros que se poderían desenvolver aí ou noutros espazos. A antiga prisión vai máis na área de Rexeneración Urbana e as conversas son amistosas, xa que as sentenzas non foron favorables.

-Que orzamento terá a concellaría no 2017?

-Iso xa se verá. É unha concellaría complicada porque ten festas, culturas e deportes, pero seguramente, similar ao do ano anterior.

-A programación que estivo facendo o Goberno local até o de agora foi unha mestura entre o novo e o herdado, como o Circo do Sol, a Tall Ships Races ou a Copa do Rei de Baloncesto, seguirán apostando por estas citas?

-Incluso na etapa anterior estas citas foron moi excepcionais, algunhas como a regata xa están ligadas á historia da cidade. A experiencia foi boa e si que cremos que é posible traer de novo a regata, xa que tamén hai interese pola empresa organizadora. Sobre as outras citas, nós partimos máis doutro tipo de programación e, aínda que tamén haxa eventos, son doutra magnitude. A aposta polo Festival Noroeste destas dúas edicións que fixemos nós é significativa. Partimos da idea de non facer eventos ruinosos para a concellaría. É verdade que a regata, o Circo do Sol ou a Copa do Rei funcionaron ben pero a Concellería de Deportes viuse bastante afectada economicamente pola copa e iso condicionou bastante os investimentos e as obras, que reducimos moito. É o momento de apostar por outras liñas e de non ir á desesperada senón de ir vendo que máis pode haber e buscar citas en condicións.

-Queda descartada a copa?

-Non, pero tamén é algo que se produce cada moito tempo, non hai moitas sedes aspirantes nin un club ACB na cidade, a pesar do bo papel do Básquet Coruña. Eu creo, e niso estamos en sintonía con Turismo, que hai varias posibilidades, hai programación deportiva durante o ano que atrae suficiente xente, o Noroeste ou Viñetas son tamén citas emblemáticas na programación do ano e que están xa nas axendas de moitos.

-A diferenza do Noroeste, co Circo do Sol factúrase.

-Si, pero a diferenza tamén é que uns son eventos nosos, que facemos nós e os outros non, cómpranse. Se nós nos definimos por unha programación esixente, ambiciosa e moi elaborada existe a posibilidade da atracción de fluxos turísticos a través da cultura e do deporte á cidade e niso confiamos. Entre o Noroeste 2014 e o do 2016 atopamos diferenzas brutais.

-Igual que Estrella patrocina o Noroeste, pódese buscar a mesma fórmula para programar nos espazos da cidade e mesmo para asumir o Colón e que incorpore no nome un patrocinio, como pasa noutras cidades?

-É unha responsabilidade. Eu case defendería un pacto cultural entre os axentes da cidade, que son tamén as empresas, as fundacións... Debería haber unha operación de patrocinio conxunto. Hai achegamento de moitas empresas ao mundo do deporte pero entendemos que a cultura deberá estar suxeita a eses patrocinios. No Concello con poucas excepcións non se traballou de xeito global.

-Cúmprense 25 anos do Fórum Metropolitano, haberá algo especial para celebralo?

-Está traballando a dirección do Fórum nalgún acto e é un momento para renderlle homenaxe ao que foi un dos grandes centros da cidade, porque foi un aglutinador nesa zona. É un exemplo da importancia de definir conceptualmente un lugar incluso con respecto ao contexto no que medra.

-Acaba neste mes de novembro o contrato de aluguer do terceiro andar da Casa Picasso, renovarán nas mesmas condicións?

-Estamos negociando. Compartimos o entusiasmo doutras forzas políticas, pero nós temos tamén un proxecto propio e traballamos nunha liña que, con respecto a ese triángulo que se quixo establecer con Barcelona e Málaga, A Coruña ten a enorme carencia de que non ten obra e esa carencia só é subsanable no caso dunha figura primordial como a de Picasso, a través dun investimento impensable para un Concello destas características. Máis alá de cesións de obras puntuais, entendemos que ten outras posibilidades. Un lugar consagrado a Picasso pódese conseguir a través da conservación do seu espírito, pode ser un lugar de creación artística, de residencias ou un lugar de documentación, referencial, de arquivos persoais ou de bibliografía especializada moi extensa, que sexa un lugar de referencia de Picasso e da súa vinculación coa Coruña.

-Hai prazos para converter esta teoría en práctica?

-Ás veces é complicado. É un proxecto ambicioso e ten os seus tempos. Estamos traballando nestas ideas de centro artístico e documentación e non podo dicir datas porque ten que rematar antes o proceso de negociación.

-Na Fundación Luis Seoane houbo cambios este ano coa reincorporación de Silvia Longueira e a renuncia de David Barro, como afronta esa nova etapa, haberá cambios no orzamento?

-Sempre existiu un compromiso coa fundación. Herdamos unha situación problemática en bastantes aspectos. Desde o principio intentamos xerar un clima de equilibrio interno e, por diversas razóns, chegou a haber unha dobre dirección, buscamos xustamente a harmonía e non se deu. Agora ábrese un camiño para a honra necesaria a Seoane e para que a fundación sexa referente de arte contemporánea. Debemos eliminar os elementos máis folletinescos que aconteceron.

-E as obras do estadio de Riazor?

- É un longo proceso, por fin resolto. Agora ábrese o camiño a que se licite unha máis ambiciosa obra que garantice un Riazor para os vindeiros corenta anos con todas as garantías. Estase elaborando o proxecto e eu creo que en 2017 asistiremos á licitación e á adxudicación da obra.