Co concerto desta noite no teatro Colón, Silvia Penide pecha a xira de Todo pintado de plata, na Coruña por este ano. Será unha actuación dobre, de dúas horas, na que unha será para Penide e, a outra, para Carmen Picado. Será un Xoves de música no Colón, coa voz feminina como protagonista. O prezo das entradas é de dez euros, que estarán dispoñibles na taquilla do teatro de 12.00 horas a 14.00 h. e de 17.00 horas até o peche.

-Ofrece hoxe o derradeiro concerto do ano coa súa banda no Colón, como será?

-Comezamos o ano estreando o disco na Coruña, no auditorio de Afundación e a casualidade fai que pechemos o ano no Colón. Practicamente ao outro lado da rúa.

-O 2017 foi un ano con moitas cousas, desde premios a novos proxectos, como o resume?

-Foi un ano de poñer un pouco patas arriba a miña vida porque eu estaba traballando a media xornada noutra cousa. Amiña prioridade sempre é a música e, a verdade, é que desde 2014 hai outra vez un repunte na miña carreira e, en moitos factores, en temas de despacho estou aproveitando esa onda. Parece que no 2016 empezan a encaixar todas as pezas. Sempre vou buscando traballos noutros ámbitos para poder xogalo de novo todo á música. E este está a ser un momento doce para min.

-Resúltalle complicado a día de hoxe estar en diferentes proxectos, ter traballos que non están relacionados coa música para poder seguir apostando pola súa carreira e seguir evolucionando?

-Para min a música sempre foi a miña profesión principal, non é ningún hobby nin o fago por ver que pasa. É verdade que hai moitos mitos e, dependendo de como fagas as cousas vas conseguindo unhas metas ou outras. Eu véxome como unha escaladora que vai afianzando posicións. Houbo veces que, porque a cantidade económica era importante, tiven que facer un traballo de aforro, como a formiguiña, para despois poder apostalo todo a un novo disco, a un videoclip... É importante que nazan discográficas coas que poder traballar, axencias... Todos eses satélites que precisamos os artistas.

-Neste concerto conta, ademais de coa súa banda, con convidadas de luxo como Paula Rey, de Luar na Lubre, ou Paula Pérez, de La Dance, como xorden estas colaboracións para o peche da xira?

-A banda é a mesma coa que levo xirando todo este ano, desde que saíu Todo pintado de plata todo foi en ascenso e, a verdade é que estamos moi contentos, no verán estivemos tocando no Códax, no Mar nunha flor... Foi un ano no que, como banda que somos porque pasamos moitas horas tocando xuntos, puidemos facer unha piña moi bonita e estamos agardando a que sexa o concerto porque vai ser unha festa. Son moitos sentimentos encontrados, levamos moita estrada enriba. Vai estar tamén Félix Arias, que para min é imprescindible na miña carreira e na música da cidade. Hai uns meses fixemos un crowfounding para facer un videoclip e moita xente do gremio estaba alí e poñían o hashtag #yopintoconPenide nas redes sociais e sorprendérame ver a Xabier Díaz, a Paula Rey porque para min foi un pulo importantísimo. Quería agradecerllo dalgún xeito, así que convideina a cantar. A Paula Pérez, de La Dance, que é un grupo que a min me encanta, coñézoa porque, casualidades da vida, hai anos montáballe eu os discos en Lonxa Cultural, cando traballaba na trastenda facendo os encargos dos discos. Todo ten un por que.

-Así como 2016 comeza e remata con Todo pintado de plata, que vai facer Silvia Penide no 2017, ten máis proxectos en marcha?

-Eu vou seguir traballando e teño na cabeza vivir uns meses en Madrid, para traballar con xente coa que me apetece e para empaparme de certos ambientes e atmosferas e seguir traballando con Femenino Plural, que está funcionando moi ben e con Todo pintado de plata, que é un traballo ao que aínda lle queda vida. Xa teño un par de cancións novas, así que ando cun proxecto novo na cabeza, pero vou ter que obrigarme a esperar un pouquiño porque a Todo pintado de plata aínda lle queda percorrido..

-Hai tamén soporte audiovisual para as cancións neste concerto, como será?

-Serán unhas pinceladiñas que, á xente que veña vaina transportar até outro sitio e como dícían na televisión "hasta ahí puedo leer". É algo co que tanto Carmen Picado coma min estamos moi contentas e por poder contar co traballo de tanta xente que nos axudou a materializar esta idea.