"Cal era a présa que había hai dous anos para tirar a casa? Esa é a pregunta que me fago eu todos os días", di Álvaro Corral cando se cumpren dous anos daquela mañá fría na que foi desaloxado da súa vivenda en Elviña e na que unha excavadora amarela reducía a escombros o seu fogar e o seu taller. Non foi unha festa, porque os veciños de San Vicente de Elviña non teñen nada que celebrar, pero onte, como cada 27 de novembro, reuníronse na finca que foi de Álvaro Corral e da súa nai, Isabel, para lembrar que eles aínda non se renderon, que seguen nunha loita que está "en punto morto". "Estamos igual ca sempre, con concentracións os venres na ponte, pero non tardaremos moito en facer accións máis contundentes. A única tranquilidade que temos agora é que non nos vai chegar a carta de desaloxo, pero as casas non son nosas e estamos endebedados de por vida", explica Pilar Santiago, que asegura que a relación co Goberno local é boa, aínda que non lles outorgou todas as solucións que buscaban.

"Falabamos de desafectación, pero agora o que lles preocupa é que paguemos a cuarta cota de urbanización, non nola pasaron aínda, pero o PP deixouna asinada para cobrala", explica Loli, outra veciña que estima que esa cuarta cota ascendería, no seu caso, a uns 60.000 euros, e aínda lle quedaría outra por abonar. Para Álvaro, volver á finca na que estivo a súa casa "é duro", aínda que sexa con rosquillas e queixo de tetilla enriba da mesa, aínda que cheire a castañas asadas e as dúas unidades da Policía Nacional que os vixían desde a estrada non teñan intención de actuar. É "duro" porque non se fixo ningunha obra, non hai nada daquela ponte que o PP dicía que se executaría de maneira inminente e séntese vítima dunha "inxustiza". Asegura que "a perda" xa a ten asumida, que xa sabe que a casa non lla van devolver, pero quere "unha explicación" a todas as preguntas que dous anos despois aínda non teñen resposta.

Para Pilar, pisar de novo a finca de Isabel é ver ao lonxe un dos edificios dos cooperativistas. "Botáronnos a nós das casas para meterse eles, os mesmos que nos botaron son os que van vivir neses pisos", di en referencia ao edificio promovido por axentes da Policía Local. Loli séntese "defraudada", asegura que contaba con que o cambio de Goberno en María Pita conlevase unha solución aos seus problemas, unha desafectación das vivendas, deixar o medo atrás. "Eu o que vexo é que non lle importamos a ninguén. Recibimos moi boas palabras e un trato amable, pero todo segue igual ca antes", resume Pilar, que se recoñece "cansa" aínda que con azos para seguir na loita.