-Hai risco de que a sentenza do Supremo acabe con boa parte do parque da Agra?

-Que se vai perder gran parte do proxecto xa queda de manifesto coa sentenza e ademais que na adaptación do planeamiento á mesma que non haxa que perder máis terreo aínda. Imos presentar un escrito para vérmonos co Goberno local e estudar que posibles saídas hai e que terreos quedan de posible utilización e que se pode facer neles. Haberá que ver ademais se xa se ten solicitada a cesión da contorna do Observatorio ao Ministerio de Medio Ambiente.

-O proxecto urbanístico presentouse no 2006 pero dende entón non se deron pasos para desenvolvelo.

-Efectivamente, e non só iso, xa que nas últimas eleccións municipais o anterior alcalde, Carlos Negreira, estivera na entrada do Observatorio dicindo aos veciños que se ía tirar o muro porque xa estaba todo feito co ministerio e despois comprobamos que era todo mentira porque non había ninguna xestión feita. Non sei se o Goberno da Marea fixo esa xestión ou non, pero se non fose así sería malo porque non afecta nada ao recurso das Adoratrices. Haberá que ver tamén como se ordena a presenza do Observatorio no parque, polo que hai que definir unha serie de cousas en función da nova situación legal en que queda todo o parque. De acordo con iso, como representantes da veciñanza da Agra do Orzán, nós tamén teremos que dicir cousas, pero non quero arriscarme a dicir nada mentres non saiba como queda o tema e que camiño vai seguir o Concello.

-Saben se o resto dos propietarios de terreos no polígono do parque cederon xa os terreos ao Concello?

-Hai un convenio que figura no plan xeral e que asinou tamén Rodríguez Cebrián, o que non acabo de entender porque era para integrar os seus terreos no parque, e despois por outro lado presenta unha reclamación. Eu non entendo a xustiza deste país, porque se asinou o convenio sería con todas as consecuencias, pero semella que non e ao final os prexudicados sempre son os veciños.