Odomingo 3 de decembro, desapareceu fisicamente Elvira Patiño Ogea, activista nacionalista que iniciou o seu compromiso militante na loita pola liberación nacional e popular de Galiza durante a clandestinidade propia dos estertores da ditadura franquista, cando os diversos movimentos de inspiración nacionalista operaban na clandestinidade sen previsión algunha de seren legalizados. Pertencente a unha coñecida familia coruñesa, a presenza de Elvira Patiño fíxose habitual na cidade e comarca durante décadas de activismo nas diversas centrais sindicais nacionalistas até a confluencia unitaria na CIG, onde chegou a formar parte da súa Executiva Nacional sendo a Secretaria de Muller do Sindicato. Porque se constante foi a súa presenza en multitude de conflictos e loitas laborais na contorna coruñesa, permanente foi a súa participación nas loitas feministas que se deron nas últimas catro décadas: independencia bancaria, matrimonio civil, dereito ao divorcio, dereito ao aborto, igualdade salarial, loita contra a violencia de xénero, dereitos e liberdades sexuais e reproductivas... en todas esas batallas participou Elvira Patiño integrando un ronsel de organizacións, plataformas e colectivos de carácter feminista e participando nunha morea de actividades públicas, actos reivindicativos, encontros cos medios de comunicación... Foi unha das fundadoras do BNG no frontón de Riazor en 1982, formación na que na militou até o fin dos seus días. Xustamente, militantes e dirixentes do BNG e a CIG, xunto con numerosas persoas das máis diversas e variadas organizacións políticas, sindicais e asociativas reuníronse onte, luns 4, ás 19:30 para despedir a Elvira Patiño antes da cremación dos seus restos no tanatorio Albia da Grela.