-Por que tan importante para a asociación que o edificio Citröen se inclúa no catálogo?

-Dentro do barrio queda moi pouco patrimonio histórico. Este é un edificio moi característico, do ano 1966, a época na que o barrio conservaba o seu carácter industrial, por causa da proximidade do peirao. Queremos conservar a memoria do barrio daquela época, sobretodo cando se trata dun inmoble industrial racionalista, cun muro cortina moi típico daquel momento e que resolve perfectamente esa esquina. A Gaiteira, sen esa esquina tal e como a coñecemos desde hai tempo, perdería o seu carácter.

-A proposta do Goberno tamén inclúe a Lonxa do Gran Sol, que pediron incluir durante anos. Hai algún inmoble que boten en falta?

-O catálogo que hai penso que é bastante completo. O que nos gustaría é que ese catálogo se cumplise. No número 152 da avenida de Oza hai un edificio modernista ao que lle levamos dando voltas 20 anos sen que se fixese nada. Practícase esta política de poñer unha multa de 500 euros, que á súa vez é recurrida polo dono e que non se paga até dentro dun ano. É un xogo de pelota de tenis no que perde o que canse antes. Nós cremos que pode haber medidas máis drásticas, como que o Concello asuma o coste das obras de reforma e despois pase a factura ao propietario. É un edificio que pode caer calquera día porque está en situación de abandono.

-Falaron cos partidos para saber cal vai ser o seu voto?

-Hai días que lles presentamos un escrito. O BNG e a Marea entendemos que votarán a favor, sobre todo porque a proposta chega a pleno da man destes últimos. A nosa dúbida é que fará o PP e o PSOE. Na ordenación dos anos 90, cando gobernaban os socialistas, o edificio quedara fóra. En 2003 si que o catalogaron pero en 2013, co PP no Goberno, volveuse retirar. Nós facemos un chamamento a todos os partidos a que teñan sensibilidade co patrimonio do noso barrio.

-Tamén se votará no pleno que o faro de Oza pase de ter un uso sanitario a sociocultural. Cal é a postura da asociación?

-Nós reclamamos que o faro teña un uso social para os veciños. É dicir, por unha banda, que teña unha xestión municipal e non a través dunha entidade privada, como pretendía o anterior Goberno local do PP. Por outra, queremos que no faro se faga unha aula mariña, porque esta é unha cidade e un barrio que vive cara o mar e, paradoxicamente, non hai un museo nin unha sala de exposicións sobre este sistema de vida que tiñamos antes.

-O PP propuña ceder a xestión á asociación O Puntal. Por que están en contra dese sistema de xestión?

-Nós pensamos que, no fondo, iso é unha privatizacion encuberta, pola cal unha entidade privada vai xestionar o faro para as súas actividades, aínda que instalen unha cafetería. Aquel plan, de todas formas, non se chegou a plasmar e por iso pedimos aos grupos que aposten agora pola xestión pública e por un plan máis amplo de mellorar toda a contorna do faro.

-Que habería que facer nesa contorna?

-Temos os astaleiros Valiña, por exemplo. Ademais dunha xestión pública destes terreos, debe haber un planeamento urbano para reordenar todo ese espazo dos astaleiros e darlle unha actividade pública, impedindo construír aí. Debería ser un espazo para disfrute da cidadanía e o Concello debería buscar a forma de que redundase en beneficio dos veciños.