O Clube Marítimo de Oza O Puntal foi, xunto á entidade veciñal do barrio, unha das asociacións que máis reivindicou a apertura ao público do faro de Oza. Tralo cambio de usos aprobado este luns polo pleno municipal para o inmoble, o comodoro do clube, Juan Carlos Rodríguez, expón o seu punto de vista sobre o futuro deste emblemático edificio.

-Que cre que debe facer o Concello unha vez o faro xa ten usos cidadáns?

-Sempre estivemos a favor dunha xestión pública do faro e o seu entorno. Sempre apostamos por que teña un uso social, cultural e deportivo, facendo un esforzo mancomunidado con outras entidades do barrio, para que non sexa un uso exclusivo de ninguén.

-Cal era o seu plan?

-Nós, hai anos, presentamos un plan de usos e actividades que penso que é converxente coa proposta que fai a entidade veciñal para crear un aula mariña. Habería que ver que significa iso, pero nós falabamos de museos de artes tradicionais de pesca, dun museo permanente virtual da zona e de que o espazo estivese aberto para todo o mundo, tamén para a comunidade escolar da cidade.

-En que estado se atopa o faro?

-O faro tivo un saneamento das humidades hai dous anos pero hai grafitis e habería que actuar rápido para evitar que se rouben as varandas. O coste da intervención creo que non sería moi elevado xa que quedou todo bastante saneado desde a última rehabilitación que realizou o Porto, que era o anterior responsable do inmoble. A viabilidade pasa por un compromiso das distintas entidades, establecendo un calendario e un crono de traballo e actividades, e que se abra non só aos Castros senón a outros barrios como As Xubias.

-O anterior alcalde, Carlos Negreira, propuxera que o faro fose xestionado por O Puntal. A asociación de veciños denunciara que iso supuña unha privatización do espazo. Que opina daquela proposta?

-Todo iso procesouse moi mal. Aquelo fora vontade política do entón alcalde, Carlos Negreira, aínda que ao final non se materializou en ningún convenio nin acordo oficial. Nós nunca tivemos as chaves, para que o entendamos. Hai un erro en asociarnos a unha entidade privada cando temos unha función social, de achegar a náutica aos barrios. Nós sempre estivemos en contra de que o faro acollese actividades de hostelería. Defendemos un modelo aberto e agora só queda agardar a saber cales son os pasos que dá o actual Concello.

-Mantiveron algún contacto co Goberno local sobre o faro?

-Nós tivemos contacto coa Concellería de Participación Ciudadana, que eu entendo que é moi transveral e atinxe outras areas do Gobierno como Deportes, que é quen ten as chaves. Agardamos que nos convoque para informar de que fai. Nós queremos que o faro teñan unha remodelación e un coidado e achegalo á ciudadanía como un espazo publico.

-Hai demanda entre os veciños e usuarios do clube para usar esta instalación?

-Si, tanto na masa social dos nosos socios, que son rapaces ou xente xubilida dos distintos oficios da cultura e do mar, como a cidadanía en xeral, queremos que ese faro teña as portas abertas. Ademais de todo o dito, habería que contar cunha sensibilidade coa xente con discapacidade e adaptar a instalación para facilitar o seu acceso e que non haxa barreiras.