-A Comisión en Defensa do Común xorde despois de moito tempo sen que houbera movementos cidadáns reivindicativos na Coruña.

-Todo o movemento que comezou a comisión tería que acabar cunha gran movilización cidadá porque a cidadanía ten que tomar conciencia do que significa perder espazos comunais públicos. Estamos falando de xente que é unha auténtica depredadora do público e estoume referindo ao presidente do Porto, un home que quere facer caixa vendendo o patrimonio público, o que me parece lamentable. O vindeiro xoves teremos unha xuntanza na Casa Casares Quiroga con entidades sociais e culturais da cidade para tratar de implicalas e movilizar á xente. Cremos que unha sociedade que tolera que lle esquilmen o seu patrimonio público está caduca ou enferma.

-O intento de subhasta por Defensa das parcelas da Maestranza que eran usadas até agora como aparcamento foi o que prendeu o lume deste movemento social.

-Pensamos que nós tivemos alguna responsabilidade en que aquela poxa quedara deserta, xa que estivemos denunciando que eran bens común e que alí estaban as murallas da cidade e que o Ministerio de Defensa o sabía. O problema era que había uns convenios do Goberno de Francisco Vázquez co ministerio e que ninguén liderara aquí un movemento a favor do público, cando en Barcelona Defensa cedeu á cidade toda a chamada Ciutadella sendo Narcís Serra o ministro e Pasqual Maragall o alcalde. En Alcalá de Henares Defensa cedeu ademais terreos ao Ministerio de Educación, que construiu alí equipamentos universitarios. Aquí non se defendeu o público e o problema estase agudizando porque se quere facer caixa para tapar unha mala xestión.

-Pensa que o carácter simbólico da Solana pode contribuír a que a xente tome conciencia sobre ese problema?

-O simbolismo da loita por salvar o carácter público da Solana, que foi construída nos anos corenta sobre a praia do Parrote, é especial e ademais queremos enmárcalo no proceso de centrificación que está a vivir a Cidade Vella nos últimos anos. Alí sempre houbo unha mestura de clases, pero a nova clase que entrou nos oitenta e noventa comezou a tomar decisións para transformala segundo a súa visión do mundo. O que me escandaliza é a actitude do presidente da Autoridade Portuaria, que hai que recordar que depende do Ministerio de Fomento, que foi o que tomou a decisión de construír o porto exterior, polo que é á Administración central á que lle corresponde financialo a través dos seus recursos.

-Pero o Goberno sempre se remite ao acordo do 2004 que ninguén cuestionou entón.

-Daquela estabamos nos tempos da orxía urbanística, na que os terreos valían moito e pensaban financialo coa venda dos peiraos. Pero hai que lembrar que o porto exterior de Xixón, que tivo un sobrecusto superior ao da Coruña, foi financiado íntegramente polo ministerio, polo que eu podo interpretar que aí entra tamén a xestión e a capacidade de influencia que poden ter os presidentes de autoridades portuarias en Madrid. Se Fomento ten 5.000 millóns de euros para rescatar as autopistas radiais de Madrid, tamén pode ter 300 millóns para pagar a obra de Langosteira.

-Pero quizais o problema é a diferente cor política do Goberno local e do central.

-Pero o presidente da Xunta, que é quen nomea ao da Autoridade Portuaria, é da mesma cor que o do Goberno central, pero semella que hai autonomías de primeira e de segunda. Nós como comisión pedimos que tanto o hotel Finisterre como La Solana revirtan á cidade porque ademais foron o botín de guerra que lle deron aos vencedores da Guerra Civil.

-Atopan respaldo do Goberno local á súa reclamación sobre estes bens?

-O Goberno local está disposto a pagar 1,4 millóns de euros pola Solana, xa que era a tasación inicial que fixo o Porto, pero nós non estamos de acordo porque pensamos que iso ten que reverter gratuitamente ao pobo da Coruña. Isto xa se quixo facer co Hospital Militar, no que se non chega a ser pola presión dunha manifestación de 5.000 veciños na praza de María Pita e mesmo pechados no Concello, hoxe o Abente y Lago probablemente sería un hotel e non un centro sanitario.

-Cre posible mobilizar hoxe á sociedade neste sentido?

-Eu palpo que xa non hai tanta indiferenza porque cando se lles explica á xente que se trata de terreos públicos que sempre pertenceron a cidade, enténdeo. Se ademais, a concesionaria actual, Inmobiliaria Río Mero, quere pagar 10 millóns de euros pola Solana e o Finisterre para quedarse con eles para sempre cando pagaron 14 millóns só para telos ata o 2027, o que se está facendo e un auténtico pelotazo.