"Agora tócanos a nós cumprir", manifestou onte o alcalde, Xulio Ferreiro, diante da representación do alumnado, familiares e profesorado do colexio público Sanjurjo de Carricarte, que lle entregou no salón de plenos do Concello a maqueta que é o resultado do proceso participativo O noso patio, no que toda a comunidade educativa interviu nos últimos meses. Os cativos construiron por grupos 24 maquetas nas que plasmaron os seus desexos para o patio do colexio, mentres que as familias fixeron outras catro.

Un xurado composto por representantes de todas as partes que interviron no proceso recolleu as propostas viables de todas as maquetas e montou a que sería a definitiva, que foi entregada onte ao Concello. "Nesta maqueta están as mans e os corazóns dos nosos nenos e nenas", salientou a directora, Isabel Ferreiro, durante a entrega ao alcalde, quen respostou que o patio "debe ser un espazo de liberdade nos centros", ademais de para a "aprendizaxe de valores que nas aulas non hai moito tempo de ensaiar". Para Xulio Ferreiro, na educación "non debe haber recortes nin austeridade", polo que comprometeu o seu apoio a este proxecto.

"Estamos nun centro no que temos lazos afectivos coas familias e a iniciativa xurdiu dun xeito natural", explicou tralo acto Isabel Ferreiro, quen salientou que o patio carece de moitísimas cousas. A directora mencionou o problema existente coas carencias do edificio anexo que se usa como comedor como a orixe do proxecto O noso patio, xa que foi cando as familias "reflexionaron sobre a necesidade de ter un espazo de xogo mellor para os nenos".

Segundo ela, a resposta do Concello a este proceso participativo foi "moi positiva", xa que tras a presentación dun borrador, os responsables municipais "foron moi abertos a escoitarnos, a analizalo e a estar presentes no proceso". Aínda que o Concello non ten polo momento un orzamento no que se fixe a partida necesaria para este proxecto, Isabel Ferreiro é optimista sobre a súa materialización: "Teño a expectativa de que non remate este curso sen que no o patio haxa o que sexa viable do proxecto, aínda que só sexa o xiratorio que tanto piden os rapaces", explicou onte.

Os rapaces tamén quixeron deixar constancia da súa participación en O noso patio. "Primeiro Olga contounos un conto e logo en grupos de seis fixemos unha maqueta na que poñíamos o que queriamos que houbera no patio: bancos, mesas, fontes, cabanas...", relatou Enia. "Eu puxen unha pista de brilé pero non sei se está", comentou Roi, a quen o que máis lle gustou foi "como fixeron as porterías de fútbol". "Eu quero unha tirolina e cabaniñas", dixo con timidez Xana, quen mostrou a súa convicción en que serán instaladas no patio e que recoñeceu que os cativos foron axudados polos profesores para construir as maquetas do seu futuro patio.