O Entroido coruñés vai, inevitablemente, ligado ao nome de Canzobre, daquel veciño da rúa da Torre que marchou de polisón nun barco sendo moi noviño, que percorrreu o mundo, pero que sempre regresaba. Un home que, segundo lle contou a súa neta Elena a Xurxo Souto neste diario, era "un auténtico Leonardo da Vinci do Carnaval", porque el facía todo, compoñía coplas, deseñaba uniformes para os músicos e debuxaba os carteis. Para agradecerlle que nin a dictadura franquista conseguira facer esmorecer o Entroido da rúa da Torre, o Concello renderalle homenaxe a un dos grupos que xordeu logo da súa morte, Mariachis de Canzobre, e farao xusto en Monte Alto.

O martes de Entroido, o 28 de febreiro, estreará unha placa cunha guitarra e un bombín, na que se poderá ler: "A cidade da Coruña en homenaxe aos Mariachis de Canzobre", porque alá polo anos 50, Canzobre armou unha nova formación, músicos que se xuntaban logo de saíren de traballar, que vivían o Entroido na rúa coas súas guitarras e laúdes, cuns traxes de plexiglás e, como símbolo distintivo de que el era o director, Canzobre levaba unha chistera. Será a primeira vez que a cidade dedique unha placa a un conxunto do Entroido. Estará na praza do Parque, xusto no monolito que lembra ao músico.

Wences, que ten agora 93 anos, refírese a Canzobre como "el viejo" pero tamén como "el maestro". Na súa memoria está aínda aquela conversa na que Alfonso Molina lle pedía a Canzobre que se metera con el e cando os levaba ao Sporting Club Casino. "Saiamos moi cedo da casa e volviamos moi tarde para sacar unha pesetiña, e cando nos atopaba Alfonso Molina, porque lle gustaba moito andar pola noite, sempre nos levaba ao Casino e nós, encantados, porque daquela levabamos unha fame...", lembra desde o outro lado do teléfono Wences, que segue a saír cada ano no Entroido con Monte Alto a 100. "Ficháronme no 2008, cando tiña 84 anos", di e rememora aqueles tempos nos que estaba prohibido tapar a cara, cando a censura daba a derradeira palabra sobre as letras e cando a casa de Canzobre era o campo base da súa banda.

"Antes eramos Canzobre y sus Mariachis pero despois, eu marchei a Londres, vivín alí trinta anos e ao voltar, cando xa morrera o mestre, estaba un día cun amigo e propúxenlle que nos xuntaramos outra vez, entón, cambiámoslle o nome á comparsa e puxémoslle los Mariachis de Canzobre", explica Wences, que onte perdeu o ensaio desta formación, que aínda segue viva, pero que non perdoará os seguintes nin a actuación ao pé do busto de Canzobre no Entroido.