Un exemplo de produción coruñesa que, coma moitos, amosa a complexidade da súa creación é o de Esquece Monelos, a documental de Ángeles Huerta prestreada a finais do ano pasado na cidade e nominada a catro premios Mestre Mateo. A súa autora fixo un exercicio de afondamento na memoria da cidade que agarda que teña "o recoñecemento de ser visto".

-Levoulle moito tempo converter a idea orixinal nun filme?

-Empecei eu soa coa idea en 2012. Un ano despois uníuseme Antón Núñez como coguionista. Na primaveira de 2015 acadamos o financiamento e armamos a planificación da rodaxe, que comezamos en outubro daquel ano baixando aos túneis da cidade. Entre xaneiro e maio do 2016 fixemos a montaxe, e a posprodución rematou no verán. Mais despois xurdiron cambios e fixemos algúns retoques, gravamos de novo e ao final prestreamos en decembro.

-Foi un traballo duro?

-Física e emocionalmente, sen dúbida. Facer unha película é unha longa carreira de fondo. E facer unha primera película, feita ademáis por unha muller, custa moito máis. A rodaxe de Esquece Monelos foi dura e as testemuñas e lembranzas que recollimos déronnos alegrías e tamén dores.

-E todo ese esforzo, mais aló dos premios e nominacións, cre que é finalmente recoñecido?

-O verdadeiro recoñecemento non son os premios ou as nominacións, senón que a película sexa vista. Os medios, pola rodaxe mesma, a estrea ou os premios e nominacións, fan que haxa curiosidade por ver a película, que é o que os autores queremos.

-Que é necesario para darlle estabilidade ou prestixio ao cine feito na cidade, neste caso?

-O apoio real ten que dalo a distribución do produto, non só na televisión pública, tamén coa programación en circuitos comerciais para acadar taxa de pantalla. Fai falta que esa distribución, a nivel estatal, abra canles para facer visibles os nosos traballos. O cine é unha industria e non é a única que necesita subvencións. Xenera riqueza, cultura e identidade.