Alberto Guitián é o creador dos carteis do Entroido coruñés deste ano, polos que recibiu críticas de sectores católicos, xa que un deles representa a un choqueiro vestido de PapaAlberto Guitiáncarteis do Entroidocríticas choqueiro Papa. Asegura que o de relixioso é un dos traxes típicos do Entroido e defende que as súas imaxes son iso, ilustracións nun contexto de festa

-Como nace a idea destes carteis e por que elixe ilustrar o Entroido con estas catro figuras e non con outras?

-O cartel é un encargo do Concello e a miña proposta foi facer unha serie de personaxes de inspiración choqueira, que é a tradición do entroido coruñés. Están inspirados na xente común, da rúa e púxenlles elementos das forzas vivas tradicionais. Hai aristócratas, monarcas, unha figura da relixión e fixen dous pequenos choqueiros, coas fundas de traballo, que levan tocados que remiten ás autoridades e tratei de facer unha cousa alegre e colorista que convidara á xente a gozar do Entroido.

-Logo destes dous días de indignación de varios sectores, que conclusión saca?

-Isto parece de película de Berlanga, penso que a reacción de certos sectores neste tema é desproporcionada.

-Porque o disfraz de cura ou de monxa é recurrente en todos os entroidos...

-Claro, é que é un dos disfraces por excelencia do Entroido. Con moita presenza aquí na Coruña no enterro da sardiña, ou do Ravachol en Pontevedra. Como vai haber un enterro sen monxas e curas? É unha parte fundamental do noso Entroido.

-Tamén lle criticaron onte a imaxe do disfraz coa cabeza cortada porque hai quen pensa que banaliza a violencia machista.

-A personaxe que aparece sen cabeza é María Antonieta, que era unha raíña do antigo Réxime, antes da revolución francesa... É un icono, unha ilustración. Unha cousa son as imaxes e, outra, a vida real e, ademais, no contexto duns carteis de Entroido. O problema disto é que a xente saca as cousas do seu contexto.

-Os que se queixan son máis papistas que o Papa, neste caso?

-(Risas) Parece ser que si.

-O alcalde, Xulio Ferreiro, defende que non é o Papa Francisco, que é unha persoa disfrazada, é así?

-Ben se ve que é unha persoa disfrazada porque leva un nariz de broma, coa corda que lle atravesa a cara, ademais non hai máis que mirarlle para os pés para saber que é así. Que leva? Leva unhas pantuflas. Pode ser un home ou unha muller, tanto ten, disfrazada de Papa e co vehículo incorporado, simplemente tratei de facer unha serie de imaxes cómicas que se poden ver nas rúas de calquera sitio en Galicia.

-Quédanlle ganas de facer os carteis do ano que vén se llos encargan?

-A verdade é que foi un encargo co que gocei moito, porque a min gústame moito o Entroido, pero na Coruña, afortunadamente, hai moitísimos ilustradores, moi bos e non hai por que repetir.