A CORUÑA EMPRENDE

Esencias do Camiño e análises de alcohol no Politécnico de Santiago

28.03.2017 | 23:45
Expositor no CIFP Politécnico de Santiago para presentar os dous proxectos de miniempresas.

O CIFP Politécnico de Santiago participa no programa Lanzadeiras da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa, no que tamén colabora LA OPINIÓN, con dous proxectos de miniempresas: Laboratorios AEPEC e Laboratorios Eneo. En ambos traballan alumnos do ciclo formativo superior de Laboratorio, Análise e de Control de Calidade. No primeiro deles, dous grupos de catro persoas en cada un elaboran produtos cosméticos ecolóxicos e aceites esenciais con herbas beneficiosas para a saúde presentes no Camiño de Santiago, ás que denominan Esencias do Camiño.

Os estudantes que participan nesta iniciativa xa estiveron buscando as mellores herbas na ruta e facendo varias probas no laboratorio ata decantarse polas que consideran as mellores combinacións para poñer a venda: xabón con esencia de lavanda, crema de ortigas e esencia de romero.

No caso do Laboratorio Eneo, os alumnos ofertan a marcas de bebidas, viticultores ou mesmo particulares analises de todos os parámetros que precisen das bebidas alcohólicas que comercialicen, non só da graduación. As análises abranguen datos como o nivel de alcohol, a masa, volume, azucres e sacarosas, cor, acidez, porcentaxe de zinc e cobre...

Aparte do traballo no laboratorio, os participantes aprenden todos os pasos para constituir os seus proxectos como empresas e pasan por todalas fases. Unha delas, a de marketing, xa tiveron ocasión de poñela en práctica a comezos de febreiro durante a semana de portas abertas do centro, cando aproveitaron para montar un stand con mostras destas dúas iniciativas e o seu logotipo identificador para dalos a coñecer entre os asistentes doutros centros educativos.

O programa Lanzadeiras forma parte da terceira edición de A Coruña Emprende, co que a Xunta e a Fundación Alcoa buscan promover o espírito emprendedor no alumnado e fomentar o desenvolvemento de características persoais como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos, a responsabilidade e a innovación. Lanzadeiras Coruña está enfocado á creación dunha ducia proxectos de miniempresas en dez centros educativos da provincia. Participan o CIFP Ánxel Casal e o CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús, na Coruña; o IES de Viós de Abegondo; o IES Isaac Díaz Pardo de Sada; o CIFP Ferroltera e o IES Leixa, en Ferrol; o IES de Ortigueira; o IES San Clemente e o CIFP Politécnico de Santiago; e o CEIP de Sigüeiro. O IES de Viós e o CIFP Politécnico de Santiago participan con dúas miniempresas cada un.

O programa arrancou o 19 de xaneiro nunha actividade presencial -algunhas serán online- que contou coa presenza dos coordinadores das miniempresas de todos os centros participantes. A iniciativa contempla ademais a visita dos formadores que colaboran coa Xunta aos centros seleccionados para que poidan asesorar in situ tanto aos coordinadores como aos alumnos coas dificultades que poidan xurdin durante o proceso de creación da miniempresa. Os alumnos do CIFP Politécnico de Santiago tiveron onte a oportunidade de mellorar as súas miniempresas coa axuda dun experto e o luns coñecerán máis segredos do emprendemento na xornada formativa Habilidades para o éxito.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine