Por agora o proxecto Equality contra o Acoso do CPR Plurilingue Esclavas da Coruña inclúe o deseño de sudaderas para adolescentes con frases e mensaxes contra o acoso e a favor da solidariedade e o respeto aos demais. Pero os responsables desta iniciativa non descartan deseñar tamén camisetas e ata chuvasqueiros. A iniciativa forma parte de A Coruña Emprende, organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa coa colaboración de LA OPINIÓN.

Uns 23 alumnos de 4º de ESO do centro están inmersos na tarefa de seleccionar as cores das prendas escolléndoas nun pantón, buscar as frases contra o acoso ou investigar cales son as sudaderas que máis se levan para definir o modelo e as tallas. Segundo explica a coordinadora da iniciativa, Malus Rey, o resto de estudantes do curso tamén poñerán o seu gran de area colaborando con temas de deseño nas clases de Plástica.

Despois desta parte "máis dóce", os participantes tamen teñen que chegar a un consenso sobre os custes e adaptar o proxecto ao orzamento dispoñible. Os participantes xa estiveron estudando todas as formas xurídicas e decidiron que a que mellor se adaptaba aos seus intereses era unha Sociedade Limitada (S.L.). E ademais xa crearon un organigrama para traballar como se estivesen nunha empresa real.

Este proxecto está enlazado con outro denominado Me llamo Daniel, no que se van formar a algúns alumnos como mediadores para evitar o acoso escolar..

Co programa Lanzadeiras a Xunta e a Fundación Alcoa buscan promover o espírito emprendedor no alumnado e fomentar o desenvolvemento de características persoais como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos, a responsabilidade e a innovación. Lanzadeiras Coruña está enfocado á creación dunha ducia proxectos de miniempresas en dez centros educativos da provincia. Participan o CIFP Ánxel Casal e o CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús, na Coruña; o IES de Viós de Abegondo; o IES Isaac Díaz Pardo de Sada; o CIFP Ferroltera e o IES Leixa, en Ferrol; o IES de Ortigueira; o IES San Clemente e o CIFP Politécnico de Santiago; e o CEIP de Sigüeiro. O IES de Viós e o CIFP Politécnico de Santiago participan con dúas miniempresas cada un.

O programa arrancou o 19 de xaneiro nunha actividade presencial -algunhas serán online- que contou coa presenza dos coordinadores das miniempresas de todos os centros. A iniciativa contempla a visita dos formadores que colaboran coa Xunta aos centros para que poidan asesorar in situ tanto aos coordinadores como aos alumnos coas dificultades que poidan xurdir no proceso de creación da miniempresa. Este luns foron os alumnos do CPR As Esclavas os que tiveron a oportunidade de mellorar a súa miniempresas coa axuda de Modesto Pose, de Enxeño Galicia.