Queren abrir un debate, que se reflexione sobre a música tradicional e a súa evolución e analizar o presente desde diferentes puntos de vista. Son catro graduados en Xornalismo, David Fontán, Alejandro Gándara, Olaia Tubío, e Raquel Pérez que, logo de remataren os seus estudos, gañaron a bolsa Nacho Mirás do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para poñeren en práctica o que agora xa é un proxecto que trascende máis alá das súas libretas e cintas de vídeo e que se chama Punto e Volta. Teñen páxina web e tamén redes sociais nas que comparten os contidos das súas entrevistas, nas que falan desde bailadores que lembran as foliadas todos os domingos na súa aldea até nenas pequenas que se introducen agora nas melodías herdadas dos seus ancestros.

Documentan o baile e a música tradicional galega, pedíndolle aos informantes que lles conten as súas memorias, como non podían ir ás festas porque eran moi pequenas e tamén con xente moza, que decide explorar neste eido para quedar co que máis lle gusta.

Non todos eles chegaron á tradición do mesmo xeito, Fontán e Tubío empezaron de pequenos, ela bailaba. Gustáballe, pero ensaiar para as actuacións e ter que levar o traxe en pleno verán acabou por facer que a súa paixón esmorecera; el tocaba percusión e chegado a un punto tamén o deixou, pero ao se mudar a Santiago, ambos os dous encararon a música doutro xeito, da man doutras mestras e cunha visión máis adaptada aos tempos.

Gándara, a pesar de que a súa irmá é pandereteira, nunca fora a clase até que chegou a Compostela e empezou a ir ás foliadas, onde se vivía un ambiente diferente ao que el imaxinaba e no que se pasaba moi ben. "Pensei que, xa que teño un compromiso lingüístico por que non vou aprender baile e pandeireta?", di Gándara, que tivo unha andaina semellanta á da súa compañeira Raquel Pérez.

"A raíz dunhas aulas que demos en Compostela con dúas profesoras, de pandeireta e de baile, animáronnos a facer algo arredor das recollidas e ir un pouco máis alá e documentar non só o que cantan e bailan senón tamén toda a vida que se move arredor da música tradicional, a vida social e cultural e que función cumpría. De aí xorde a pregunta, por que isto desaparece? Por que hai xente que deixa de tocar, por que outra logo de corenta anos volve facelo e que é o que lle enche disto á xente nova?", explica Fontán.

Cren que, agora, a música está a pasar por un bo momento porque se fan foliadas ás que acode moita xente, porque hai interese en aprender e o que buscan é darlle "unha volta á tradición musealizada" para ver como muta.

"Partimos de que hai moito feito xa, hai moitas recollidas de xente que traballou moito e nós o que queremos é ver como se fixeron as cousas, como se fan e como as queremos seguir facendo", explica Tubío, porque no seu proxecto entran conceptos, como o xénero, como que non teñan que ser sempre os homes os que guíen o baile porque na historia hai homes que bailan con homes e mulleres que sacan puntos e van de primeiras na fila.

É cuestión de "ir cos tempos", como lles ensinaron as súas profesoras Carminha e Chus, en Compostela. E iso implica aprender no século XXI, con perspectiva histórica, "cos ollos de hoxe". Así que, entran na conversa desde a Sección Femenina, que foi o xermolo de moitas asociacións e de moitos coros, até os ritmos chegados da emigración.

"Unha das cousas que queremos transmitir co proxecto é que as influencias non sempre son malas", indica Gándara. "Cando os Gaiteiros de Soutelo empezaron a tocar rumbas os gaiteiros vellos dicían que aquilo era unha cubanada, pero son achegas que enriquecen", di Fontán. Pero para Tubío é cuestión tamén de remover algo na xente. "Que unha rapaza, cando estea na foliada pense, e por que non vou sacar eu un punto?", explica.

Introducen tamén o debate dos arquivos. "En Galicia, o maior arquivo público que hai sobre música tradicional é unha páxina de Facebook. Iso noutros países estaría xa catalogado", comenta Gándara.

E agora que xa se lles vai rematando a bolsa teñen aínda moito traballo por diante, primeiro, acabar de difundir as doce entrevistas que fixeron e seguir afondando no tema porque hai moitos aspectos que quedaron fóra nesta primeira incursión de Punto e Volta, como por exemplo, a tradición urbana e os cantos de taberna. "Hai traballo até que queiramos e tamén pode vir outra xente que recolla o testigo da investigación nesta liña", comenta Fontán. As súas ilusións van máis alá da divulgación dos contidos por internet, así que, tamén lles gustaría que o proxecto levase aparellado un festival ou unas xornadas formativas onde saian das pantallas o bailador Eduardo da Arnoba, As Chispas ou Richi Casás e que a tradición sexa actualidade.