Non quería sabelo, o Momo pensaba onte en alto que o guindastre que lle arrebataba o trono era unha confusión, cría que ía polo presidente de Estados Unidos, Donald Trump, e non por el, pero non era así. "Pasa o tempo do Carnal e chega dona Coresma", concluíu onte o Momo, caracterizado este ano como o alcalde, Xulio Ferreiro. Antes chegara ao Campo da Leña a sardiña, engalanada e cun destino ben marcado, o mar de Santo Amaro.

A comitiva fúnebre tiña de todo, homes aproveitando as derradeiras horas do Entroido para vestiren de muller, unha viúva cun traxe de luces, cardenais, bispos, monxas e mulleres con abrigos de pel para sacar o frío que lles deixa a ausencia do Entroido. Había mexicanos e arlequíns, nenas disfrazadas de velliñas e mulleres na beiramar axitando un pano branco cheo de bágoas e choiva. E houbo música, moita música, para que a sardiña e o Momo levasen mellor o seu camiño á morte asegurada e nin sequera a choiva quixo perder o momento no que a praia se converte nun escenario con dúas funcións simultáneas. A sardiña bicou o mar por primeira vez entre cantos de "adiós con el corazón, que con el alma no puedo", pero non marchou, unha e outra vez regresaba á beiramar, aínda que houbo quen mollou os pés para que poidese seguir o seu camiño e regresar o ano que vén, renacida para outro novo Entroido.

11

Adiós al Entroido 2017 en A Coruña

E falou o Momo por derradeira vez neste ano, para pedir emprego e salarios xustos, para queixarse da mocidade preparada que marcha da cidade e para abrir as portas e derrubar os muros que impiden que os refuxiados sexan libres. "Que nunca lles falte un prato de sopa", desexou o deus Momo antes de arder na area da praia, antes de que sonase o O Fortuna, de Carmina Burana e o ceo se enchese de cores e de ruídos. Remata don Carnal, mais seguen até o 5 de marzo as xornadas gastronómicas Lacónicas.