Elvira Varela Bao tiña dez anos cando levaron presa á súa nai, Elvira Bao Maceiras, en xullo de 1936. A mestra coruñesa pasou tres meses na cadea. Só polas súas ideas de progreso, por ser amiga da bibliotecaria Juana Capdevielle, muller do gobernador civil inhumanamente asasinada. Pasou dez anos sen saír da casa de San Roque á que se mudaron para protexerse, convertida despois nunha escoliña de aulas particulares. Elvira Varela Bao non tiña onte máis que palabras de agradecemento, porque a memoria da súa nai pola que tentou termar toda a súa vida sumou un esteo nun pequeno recuncho da Cubela. Un nome para que a cidade non a esqueza, estreado o Día Internacional da Muller, o primeiro Oito de marzo festivo na cidade, data que tamén terá placa noutra praza anexa.

Familia e amigos de Elvira Bao, asociacións feministas e outras entidades que loitan pola igualdade, veciños e representantes de toda a Corporación municipal participaron deste acto de "agradecemento" a todas as mulleres que contribuíron á construcción da cidade, segundo proclamou a edil de Igualdade, Rocío Fraga, que lembrou "ás mestras, lavandeiras, farmacéuticas, panadeiras, forneiras, mariscadoras, pescantinas, redeiras, cigarreiras, obreiras, sindicalistas, coidadoras, comerciantes, investigadoras, viaxeiras, creadoras, tecedoras de soños, activistas e a todas as loitadoras e compañeiras da vida".

O alcalde, Xulio Ferreiro, manifestou que o acto pode quedar "na memoria da cidade" por "bonito e emotivo" e polo seu "simbolismo", como "un paso máis para restituir a dignidade ao rueiro da cidade", un rueiro "desequilibrado" que "toda a corporación quixo encher de nomes femininos". Ferreiro tamén lembrou o traballo "silencioso" de moitas veciñas que "axudaron e axudan a construir esta cidade marabillosa".

27

Marcha Internacional das Mulleres polo 8 de marzo na Coruña

Foi un día tamén para poñer o acento na loita contra as violencias machistas e no Pacto Social que o Concello quere poñer en marcha co tecido asociativo da cidade para que A Coruña sexa "unha Cidade Libre de Violencias Machistas". O primeiro edil declarou que é necesario que as administracións "metan gasolina nesta loita, con medios e orzamentos para loitar contra o feminicidio, unha das maiores lacras da sociedade actual".