Joaquina Dorado, a loita nada no barrio de Santa Lucía

A libertaria coruñesa morreu en Barcelona con 99 anos, logo dunha vida case centenaria de defender a liberdade e os dereitos dos traballadores

18.03.2017 | 17:42

Conta a ensaísta Aurora Marco que a conciencia social de Joaquina Dorado Pita espertou cando ela era aínda unha nena que vivía no barrio de Santa Lucía, na Coruña. Ela, que viña dunha familia traballadora, pero que podía estrear vestido ou merendar un bocadillo -o seu pai traballaba nunha fábrica de calzado- decatábase de que a vida non era igual para todos, de que eles "vivían ben, en comparación coas familias de pescadores que había no barrio", explica Marco, que coñeceu a esta loitadora en marzo de 2007 e que mantivo contacto con ela até que o 14 de marzo, esta muller adiantada ao seu tempo finou con case cen anos en Barcelona.

"Foi xa entón cando viu que fallaba algo, que había unha inxustiza social e, desde moi nova, entendeu que había que cambiar o mundo. E iso converteuse nun ideal de vida, que o mundo tiña que ser máis xusto e que tiña que haber liberdade", lembra Marco.

Foron case cen anos de vida, unha andaina de case un século que comezou na Coruña en 1917, pero que recalou en Vigo e en Sada até que en 1934, a familia se mudou a Barcelona e foi alí cando a Joaquina Dorado adolescente consolida a súa ideoloxía libertaria. Das súas conversas con ela, xa nos seus derradeiros anos de vida, Marco rescata que o seu primeiro traballo ao chegar a Barcelona foi nunha fábrica de galletas, pero que o deixou porque rexistraban ás traballadoras cada día ao finalizar a xornada, para evitar que levasen doces para casa. "Aquilo, a ela, que era unha muller de grandes ideas e que se rebelaba contra as inxustizas, non lle parecía ben e marchou traballar de tapiceira y vernizadora nunha fábrica de mobles", explica.

Ela, unha muller de apariencia "fráxil", baixa e miúda que agochaba un mundo interior de fortaleza e valentía, iniciou neste sector da madeira a súa actividade como sindicalista. Afiliouse ao Sindicato de la Madera y Decoración, en Poble Sec e ingresou tamén na Confederación Nacional del Trabajo (CNT) e na Federación Ibérica de las Juventudes Libertarias (FAI). En 1936, cando se produciu a sublevación militar, ela xa era "unha muller moi concienciada, moi combativa coas ideas moi claras e tomou parte na loita e combateu no cuartel de Atarazanas e tamén na ocupación do castelo de Montjuic", a pesar de que era unha moza de dezanove anos, segundo explica a profesora.


Joaquina Dorado Pita (MULLERES CON MEMORIA 1.3.) from Terra e Tempo Tv on Vimeo.

"En canto falabas con ela xa te decatabas de que ela era todo fortaleza, valentía, decisión e rebeldía e así foi até a súa morte", lembra Marco, que garda aínda na memoria "a súa letra preciosísima" e a cultura que foi atesourando co paso dos anos, cun pai que estaba inscrito a varios xornais e que tiña unha biblioteca, modesta, pero unha biblioteca.

Joaquina Dorado, a rapaza do barrio de Santa Lucía, foi a única muller que ocupou o cargo de secretaria no Consejo Económico de la Industria de la Madera Socializada, unha iniciativa da que, segundo lembra Marco, estaba "tremendamente orgullosa". Estábao porque todas as decisións se tomaban "desde abaixo, desde os traballadores", porque non había patróns e porque aos que había antes dábaselles a posibilidade de seguiren traballando, pero com un máis. "Moitos non quixeron e marcharon", lembra Marco. E staba orgullosa tamén polas melloras que conseguiron para os traballadores, porque había garderías, fixeron cuartos para as lactantes, até construíron unha piscina e subiron os salarios.

Contra todas as trabas que se lles presentaban ás mulleres, Joaquina Dorado loitaba e, sempre, sen deixar de aprender, tal era a súa paixón que se presentou en Barcelona para ir a Francia formarse como piloto de caza e, logo, participar na guerra, aínda que, finalmente, "por liortas entre partidos", non rematou o programa.

Pero si que cruzou a fronteira, foi a Francia, a comezos de 1939 polos Pirineos, cando xa os franquistas tomaran Barcelona, e estivo dous meses no campo de concentración de Briançon, até que conseguiu fuxir. "Foi case de película, eran catro mulleres e dous nenos, ataron sabas e descenderon desde un segundo piso", conta Marco. Non foi a única vez que tivo que escapar, tamén o fixo do campo de Recebidoux, daquela esperou ao cambio de garda dunha noite moi fría e marchou soa. "A xente do exilio español pasouno moi mal en Francia, estaba en auténticos almacéns de persoas, no 1939 pasaron unhas 400.000 persoas e até houbo algún campo de concentración (o de Argèles-sur-Mer) que estaba nunha praia, así que facían buratos na area para se acubillaren", relata Marco.

Pasada a guerra, en maio de 1940 chegou a Toulouse e retomou o contacto con compañeiros activistas coma ela, entre eles, con Liberto Sarrau, que foi a súa parella de vida, crearon o grupo Tres de Mayo e entraron en España na clandestinidade cun obxectivo: loitar contra a ditadura franquista.

E xa de volta en Barcelona, foi detida e torturada en varias ocasións, tanto, que lle tiveron que extirpar un ril e o outro quedoulle danado para o resto dos seus días. A segunda vez que estivo na cadea de Les Corts, estivo tan mala que a mandaron directamente ao hospital e, do hospital, para casa, para que morrese alí, pero resistiu. Foi á vivenda dunha compañeira, outra libertaria coma ela, que a coidou e sempre dicía que fora grazas á penicilina que os seus compañeiros da CNT ían conseguindo e a un médico naturista que foi quen de se salvar. Nesta prisión de Les Corts, Joaquina cosía para vender as pezas que facía e, con eses cartos, mantiña, segundo lembra Marco, aos seus pais e o que podía mandáballo á súa parella Liberto Sarrau.

Entre o 55 e o 56 tivo outra etapa de actividade intensa dentro da guerrilla urbana en Barcelona, na que colaboraba co guerrilleiro Quico Sabaté. Logo, xa no 1957 voltou a Francia, para entón, a Sarrau aínda lle quedaba un ano máis de condea por cumprir dos dez que pasou no cárcere. Alí estiveron até que morreu Franco, despois ían e volvían a Barcelona. Sarrau, que traballou na Unesco e era un home moi culto, morreu no 2001 e Joaquina botou até o 2006 vivindo parte do ano en París e a outra parte en Barcelona. Despois, quedou definitivamente na cidade condal, non se podía mover, porque estaba suxeita á diálese.

Pero, que pensaba Joaquina Dorado da realidade actual? "Ela sempre tivo uns ideais que parecían utopías, pero que non o eran, ela falaba sempre da humanidade e buscaba que a xente tivese un traballo, que tivese alimentos, unha casa onde vivir, que non houbese desigualdades. Buscaba todo o que non hai. Todo o que non temos e deberiamos ter", resume Marco, que define a Joaquina Dorado como "unha muller cos pés na terra", aínda que "moi esperanzada co futuro". Ela, que arriscara tantas veces a vida por facer do mundo un lugar mellor, nunca deixou o activismo, "sempre participaba cando a chamaban para participar en actos relacionados coa memoria", di Marco quelembra que "sempre se mantivo fiel ás súas ideas anarquistas".
Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine