Os veciños de Monelos quitarán mañá o pó á súa historia cun roteiro que percorrerá as súas rúas e prazas para lembrar quen son as persoas que lles dan nome ou que pasou, moitos anos atrás. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e un grupo de residentes marcan a saída do roteiro ás 13.00 horas, na praza Rafael Dieste, onde está a oficina do Inem. Será precisamente nesta praza onde os participantes farán a súa primeira parada. O escritor Henrique Rabuñal lembrará a Rafael Dieste . A segunda estación levará o nome de Benigno Andrade, máis coñecido polo seu alcume, Foucellas. Foi en Monelos onde o guerrilleiro estivo agochado varios meses, mentres sanaba das súas feridas de combate. O roteiro continuará pola avenida Salvador de Madariaga, na que o director do Instituto José Cornide, Tino Fraga, falará da súa figura. Diante do bar Trotamundos haberá tamén unha parada, que valerá para lembrar a Escola Nacional de Monelos, onde a mestra Mercedes Romero Abellá daba clases. Foi salvaxemente torturada e asasinada polos franquistas e a súa historia contaraa Ana Romero Masiá. Na praza Luis Seoane falará o experto Xosé Díaz. A praza Casares Quiroga será o punto final do roteiro.