A violencia machista, a igualdade e o feminismo veñen de ser debatidas nestes días nas xornadas Municipios cara a igualdade: políticas transformativas para a igualdade de xénero organizadas polo Concello. Nunha das sesións expúsose unha investigación sobre a incidencia da violencia de xénero na cidade a través dun estudo feito por expertas e coordinado pola socióloga da Universidade da Coruña Iria Vázquez Silva. Entre as súas conclusións salienta que a falta de coordinación entre entidades e administracións perxudica o seguemento das vítimas.

- Entre as necesidades que sinala o seu informe para tratar dun mellor xeito a violencia machista, hai algunha de máis peso ou que abrangue a todas?

-A necesidade de que non se desactive o acompañamento personalizado ás vítimas. En determinados momentos elas demandan paralo, malia que o seu fin é paliar a sensación de desamparo e soidade que producen as súas situacións. O slogan "non estás soa" non sempre se cumpre. Aínda que hai unha idea de que as mulleres non están soas, si o están. As que dean o paso de rematar coa súa situación de violencia teñen que sentir que hai dispositivos e servizos que desde o primeiro momento vanse a activar.

- Que motiva a interrupción dos seguementos?

-Outra das necesidades principais: unha mellor coordinación. Haina, e o estudo a recolle como boa práctica, entre entidades municipais, con gran motivación de profesionais e entendemento entre o Centro de Información ás Mulleres e a Casa de Acollida. Pero é necesaria a coordinación entre si entre todas as entidades dos ámbitos social, policial, xudicial e municipal.

- Por que non é boa?

-Unha mestura de cousas. Básicamente porque cada dispositivo fai actuar a partes con competencias distintas. Por exemplo, a Garda Civil, a Policía Local e a Policía Nacional teñen as súas unidades de xénero. Se intervén o Concello, é con traballadoras sociais, se é o Sergas, con atención primaria. Non é doado. Débese convocar unha mesa anual ou cada seis meses onde se xunten as diferentes competencias e haxa un liderado de coordinación pola complexidade das unidades de intervención e a administración de servizos de distinta natureza.

- Hai recursos? Hai implicación suficiente?

-Depende do persoal que haxa. A xente ten unhas axendas moi comprimidas e así non se avalían ben as medidas que se están a facer. Hai demanda de actualización dos recursos porque tamén hai certa desinformación sobre as medidas contra a violencia machista a distintos niveis: ONG, Cruz Vermella, xulgados, forzas de seguridade...

- Pola magnitude que alcanza o problema, con cada vez máis casos coñecidos, convértese nunha cuestión de Estado, como dixo estes días o alcalde?

-A mesma ley contra a violencia machista de 2004 merece revisión. Avanzou, pero deixa cousas sen cubrir, empezando pola propia definición de violencia de xénero, que a limita á violencia da parella ou exparella e deixa fora outras violencias. Non se desenvolveu a prevención, baixou o orzamento un 49% en igualdade e violencia entre 2009 e 2014. Recolle que no curriculum escolar ten que haber unha materia que trate a igualdade e non existe. Non vale só con dicir que se vai traballar a igualdade na escola, tense que cumprir, non recomendar.

- Por que as vítimas vense a si mesmas como dobres vítimas, como apuntan no seu informe?

-Polo feito de ir unidade por unidade relatando o seu caso a quince persoas, sen intimidade. Recoller a información imprescindible se faría con mellor coordinación. Hoxe as mulleres denuncian pero non teñen a sensación de sentirse protexidas ao cen por cento polo descoñecemento dos recursos e pola falta de control cara o agresor. As veces semella que controlamos máis as vítimas que aos agresores.

- O desamparo do que fala bota por terra o feito de denunciar?

-Sí. Ou que chegan ao xuizo e non declaran. Por que? A maioría das veces por medo ás represalia, a ameazas, a perder a vida, e se botan para atrás. Non é que sexan denuncias falsas, e que non declaran. Mentras non haxa unha protección efectiva das vítimas vanse dar esas situacións de desamparo.

- Descóidase tamén a protección aos nenos das vítimas?

-Hoxe son considerados vítimas polo feito de que na súa casa haxa violencia machista, pero os recursos de atención non se adaptaron, non os hai específicos para os menores. Debe facerse valoración dos casos, non so dos máis graves.

- Pola presenza de casos nos medios, semella que medrou a violencia de xénero? É así?

-Medran as denuncias, pero non me atrevo a dicir que haxa máis casos que hai 30 anos. O claro é que segue presente. Se cadra habería que facer campañas específicas sobre violencia sexual. Faise fincapé na violencia física e psicolóxica, e a sexual é máis difícil de identificar e denunciar, por ser máis íntima.

- Existe a violencia de xénero contra os homes?

-É un caso de violencia familar como os fillos que pegan a pais e nais. Non nego que non existan eses casos, pero non teñen a mesma dimensión social nin as mesmas causas que a violencia machista.