En feminino e en plural, con enrugas na cara e coa voz xa algo cascada de tanto berrar. En feminino, man con man coas que se presten a facer un novo camiño onde as mulleres non perdan o seu nome ao chegar aos cincuenta ou se vexan obrigadas a baixar dos escenarios, os mesmos que lles deron a vida até ese momento. Con humor, con danza, con música en directo e colorido pero con mensaxe foi onte a gala de entrega dos premios do teatro galego María Casares, que se celebrou nun ateigado Rosalía de Castro.gala de entrega dos premios do teatro galego María Casares Rosalía de Castro

O espectáculo O tolleito de Inishmaan, O tolleito de Inishmaande Contraproducións SL/FIOT Carballo levantou onte cinco xerras de Sargadelos, a de mellor adaptación/tradución, que foi para Cándido Pazó, Santi Romay e Alberto Rodríguez. Pazó non deixou pasar onte a oportunidade de lle dedicar o seu premio "á lingua, á nosa lingua", porque anos atrás a dirección da gala unificou a categoría de mellor texto orixinal co da obra traducida ou adaptada, unha decisión que Pazó loitou para que se revogara como, finalmente, se fixo. O tolleito de Inishmaan logrou tamén os premios para o mellor actor e mellor actriz secundarios, que recolleron Evaristo Calvo e María Roja, que lle deu as grazas á súa irmá por lle ter lido "as réplicas para os castings desde que aprendeu a ler" e que reinvidicou máis presenza das artes escénicas experimentais e da danza nas programacións. Cun "somos invisibles, pero bendito vicio", rematou o seu discurso de agradecemento, unhas intervencións que estiveron "censuradas" polo presentador, Pepo Suevos, que non permitiu que ninguén se pasase de tempo diante do micrófono; pola iluminación recolleu o premio a Afonso Castro e Santi Romay o de mellor actor protagonista polo seu traballo de tolleito, dun home que vive nunha illa irlandesa nos anos trinta e que ten un soño polo que loitar: ser amado e valorado como calquera outro veciño, deixar de ser diferente.

E, entre premio e premio, houbo lugar para a crítica, sobre todo para o Centro Dramático Galego e para o sistema de contratación, para as falcatruadas que supostamente se fan no reparto de subvencións e tamén para as reunións de negociación do convenio colectivo do teatro que nunca acaban en nada. E falou o presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Ernesto Chao, para que as mulleres conten con papeis protagonistas pasados os cincuenta anos. "Como podemos estar tan cegos? É que non temos heroínas a día de hoxe? eu creo que si", dixo no seu discurso o presidente e recomendoulle aos creadores que copiasen a Pedro Almodóvar, que leva "desde o inicio da súa carreira" contando coas mulleres "e non lle foi tan mal".

Eroski Paraíso, que fala dunha sala de festas -inspirada nunha historia recollida en Mazaricos- que co paso dos anos se convirte nun supermercado, alzou onte catro cabezas de María Casares, a de mellor espectáculo; a de mellor dirección para Xron, que, no canto de usar o seu tempo para os agradecementos preferiu expresar os seus desexos para o vindeiro ano, nesta lista, o director puxo que, cando menos, houbese unha compañeira nomeada nesta categoría, pero tamén que o Centro Dramático Galego teña "a xestión que merece" e que teña "unha dotación orzamentaria, como debe ter calquera compañía nacional dun país que se respecte"e, ademais, que, por unha vez, a gala se retransmita en directo pola TVG; a de mellor actriz protagonista, para Patricia de Lorenzo, e outra pola música que Terbutalina lle pon en directo a esta produción de Chévere que, este ano, cumpre o seu trixésimo aniversario. Voaxa e Carmín conseguiu dous premios, o de mellor maquillaxe, para Trini F. Silva, e o de mellor vestiario, para Mari Seoane.

83

Gala dos Premios María Casares 2017

Nesta gala, moi dinámica e espallada de humor, a escritora Inma Antonio leu o manifesto do teatro cunha desas preguntas que asaltan cada día aos actores e actrices: "quen está aí?", quen anda aí para escoitar o que o teatro ten que dicir?. E a vicepresidenta da asociación, Mabel Rivera, presentou a Eduardo Alonso, de teatro do Noroeste, que recolleu a xerra que lle recoñece como premiado de honra das mans da súa filla, Ana Alonso. Reivindicou o pasado, o construído polos que loitaron antes aos dous lados do telón. "Non permitades que desmonten nada. Nin un paso atrás. Imaxinade o futuro que queirades e loitade por ese soño, igual non se cumpre, pero loitade por el", díxolle aos novos, aos que van recoller a súa testemuña e ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que lle faga caso ás persoas que saben de artes escénicas, aos seus profesionais, e que non se deixe levar por "fórmulas burocráticas inútiles".

E entre saúdos e agradecementos, houbo tamén un tempo para o aplauso contido e afogado, para a lembranza dos que xa non están, como Dorotea Bárcena, o músico Fran Pérez Narf. E até o actor Miguel de Lira se quixo lembrar do Entroido e da imputación do concelleiro de Culturas, José Manuel Sande -alí presente, xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, o conselleiro de Cultura, e o director do Agadic, Jacobo Sutil- por un dos carteis das festas. "Saúdo aos meus amigos do Folión de Manzaneda. Tranquilos, que vai seguir habendo Entroido e para as viúvas de Lugo... Como dicía miña nai, a culpa non é delas é de quen lles fai caso".

E, como non podía ser doutro xeito, a gala rematou con música e con mensaxe a prol da igualdade. "O mundo é machista, pero nós as teatreiras temos o dereito e o deber de loitar e, se os clásicos con machistas, reinventémolos", reivindicaron as actrices Silvana Sestelo, Marta Lado e Patricia Torres que, xunto a Pepo Suevos, Roberto Leal, Alberto Rolán e Josito Porto, cantaron aquilo de: "a ver se desde o teatro matamos o patriarcado". Longa vida!