Aínda convencido de que o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, pode protagonizar por primeira vez dende 1850 a privatización dun espazo en primeira liña da costa nun exercicio que dende logo lle asiste, iso non lle confire nengún dereito para acusar de demagoxia a quen dende a Comisión Aberta en Defensa do Común optamos pola reversión dos terreos ocupados pola Solana e o Finisterre ao Concello sen coste algún. Nada de extraño, pois, que na cidade xurdira un grupo de persoas preocupadas polo feito de que neste río revolto que supón o proceso de venta de espazos comunais tan emblemáticos poidan botar os seus anzós todo tipo de pescadores de fortuna.

A Coruña naceu e desenrolouse como cidade mirando ao mar, mais nas diversas etapas da súa expansión urbana sempre respectou o carácter público do terreo en todo o seu cinturón costeiro, tanto na Cidade Vella coma na Pescadería e no Ensanche. Mesmo cando a mediados do século XIX plantexouse a posibilidade de que nos novos terreos gañados ao mar -os Cantóns e os xardíns de Méndez Núñez actuais- se erguesen varias ringleiras de edificios, ao igual que ocorreu en Vigo no Areal, a cidade impuxo outra visión simbolizada polo enxeñeiro Celedonio de Uribe, reservando todo ese novo espazo para zonas verdes e institucións.

Todo iso muda coa chegada do franquismo, que introduce outra visión de cidade. Así, o grupo que a partires da victoria do anterior réxime hexemoniza o poder na cidade introduce unha liña de pensamento diferente dando cabida a grupos depredadores que pretenden sacar rédito dos espazos públicos. Pois ben, agora, en democracia, parece que seguen os mesmos valores, isto é, non desaproveitar ningunha oportunidade de facer negocio coa cidade cunha mentalidade que considera que o público está aí para apropiarse del, dacordo coas pautas do neoliberalismo máis recalcitrante.

A necesidade, deslizada por Enrique Losada, de acadar fondos para financiar o sobrecuste do porto exterior de Langosteira preséntase caseque como dictadura encuberta no horizonte de xustificar a venda de terreos públicos. Os portos exteriores son unha competencia da administración central e o de Langosteira foi unha decisión conxunta do Ministerio de Fomento, do PP e do PSOE e, xa que logo, correspóndelle a esa administración financialo con recursos de todos os cidadáns españoles, non só dos coruñeses. Pretender que o custe recaiga sobre os coruñeses a través da venda de terreos públicos que se ergueron no seu día sobre a praia do Parrote, mentres que Fomento non pon obxeción algunha para aportar 5.000 millóns de euros para o rescate das autoestradas radiais de Madrid, pois move a broma tal correlación de trato.

Dende a Comisión Aberta en Defensa do Común estamos convencidos de que A Coruña atópase na mellor oportunidade da súa historia para superar todas as deficiencias do seu trazado, equilibrar os elementos urbanos xa existentes e potenciar os fundamentos de racionalidade da cidade. Todas estas cuestións deberan quedar anudadas dentro dun proxecto global do que debera ser a cidade do futuro coa recuperación de toda a fachada marítima en orde a compatibilizar os tecidos urbanos e portuarios.