- En resumidas contas, de onde vén o nome da Coruña?

-Simplificando moito, o nome foi imposto polo rei Alfonso IX en 1028 e eu sosteño que está tomado do Códice Calixtino. Antes diso, a vila que co tempo deu lugar á cidade da Coruña era coñecida como Faro e, despois deste monarca, pasa a chamarse Crunia. Este rei cámbialle o nome a moitas localidades -Baiona, en Pontevedra, chámase así por decisión del- e moitos destes novos topónimos están tomados da cultura francesa, algo coherente xa que el é un rei da casa de Borgoña. Por tanto, ten sentido que tomase este nome do Códice Calixtino, concretamente da Historia Turpini.

-Que significaba Crunia no Códice Calixtino ?

-No Códice Calixtino enuméranse as cidades que foi conquistando Carlomagno para deixar libre de infieis o camiño cara Santiago, onde estaban os restos do Apóstolo. Por un lado cítanse ás cidades de Hispania e por outro ás de Gallaecia. Dentro deste último territorio, que abrangue a Galicia actual e parte do norte de Portugal, aparece unha tal Crunia, que un lector da época non podería identificar. A xente de hoxe sempre pensou que esa Crunia era A Coruña actual pero se nos poñemos no ano 1200, non tes nin idea de onde é ese sitio porque A Coruña nese momento chamábase Faro. O rei tomou ese nome literario e así lle quedou. Esta, ao meu ver, é a única hipótese que explica a historia documental tan rara deste topónimo.

- Por que tan extraña?

-Porque en cuestión de décadas houbo lixeiros cambios na forma de escribilo. A forma orixinaria é Crunia aínda que durante moito tempo houbo quen pensaba que esta era a evolución de Clunia, unha forma aparentemente latina e máis antiga, pero que realmente apareceu décadas despois. É, por tanto, unha falsa latinización. As primeiras evidencias que temos de que o nome da antiga vila de Faro pasa a ser Crunia son de 1208, momento no que se asina a carta foral da cidade. A carta non se conserva a día de hoxe pero si que temos documentos que se fixeron simultáneamente, nos que se compensaba ao Mosteiro de Sobrado e ao Bispado de Santiago polos dereitos que perderían, e nos que se fala de Crunia. A outra rareza chega 70 anos despois, cando o bisneto do rei Alfonso IX, Sancho IV, fai unha confirmación da carta foral asinada polo seu bisavó e escribe Curunia, con tres sílabas. Aí temos outra rareza documental, porque dentro da Chancelería Real tiñan que conservar os documentos orixinais.

-Por que lle alteraron o nome a Curunia en tan pouco tempo?

-En última instancia, cámbiaselle porque Crunia convertírase nun nome políticamente incorrecto. Este topónimo remitía a Carlomagno e ás lendas que vinculaban o culto a Santiago Apóstolo con este emperador. Hai toda unha tradición por Europa adiante de lendas carolinxias, como aquela que contaba que Santiago se lle aparecera a Carlomagno, dicíndolle que estaba enterrado alá no cabo do mundo e que estaba invadido por infieis. Todo isto ten que ver co espírito de Cruzada que se produce nos inicios do segundo milenio. O problema foi que á Coruña púxoselle un nome nun momento en que se aceptaba o relato de que Carlomagno conquistara determinadas cidades da península Ibérica para liberar de musulmáns o camiño ao Apóstolo.

-Que fixo que estas lendas de Carlomagno pasasen a ser algo tan incorrecto na época?

-En España esa lenda deixou de ter vigor cando Toledo comezou a ver ameazada por Santiago a súa primacía como cabeza da Igrexa peninsular. Aí xorde un conflicto e nace unha nova visión do pasado que imaxina que Carlomagno non pinta para nada na historia da península Ibérica e a cultura castelá crea héroes antiCarloMagno, como Bernardo de Carpio. No Renacemento, en 1580, un tal Ambrosio de Morales, un erudito daquel tempo enviado polo Rei a examinar as antigüidades de Santiago, queda escandalizado ao ler o libro Turpini e as historias de Carlomagno porque aí fálase de cousas que na mentalidade da época eran claras falsidades históricas. De feito, este libro foi expurgado do Códice Calixtino durante 300 anos porque todo o que tiña que ver con Carlomagno era mal visto. É preciso ter isto en mente para comprender o que acontece co nome da Coruña.

- É dicir, para ocultar a Carlomagno, créanse novos mitos que o sustitúan. Houbo máis, ademais do de Bernardo de Carpio?

-Sen ir máis lonxe, con Alfonso X O Sabio, que é neto de Alfonso IX, créase un novo relato. El non estaba moi contento co nome que lle puxera á Coruña o seu avó e, por iso, na Crónica General de España inventa o mito de Hércules e propón unha nova etimoloxía, dicindo que se lle chamara Crunia polo nome dunha habitante do lugar. Alfonso X, que era un home erudito e sabio, sabía de sobra por que o seu avó elixira aquel nome e, non obstante, invéntalle un novo mito. Por que? Porque había que ocultar a vinculación con Carlomagno. Por iso, penso eu, a cabeciña do suposto xigante Xerión que está ao pé da columna da Torre parece que é unha alegoría da cabeza de Carlomagno decapitado ou, se non, do propio avó.

- O mito de Hércules nace aí?

-Si, aparece por primeira vez nas crónicas de Alfonso X. El imaxina que Hércules combateu aí con Xerión, derrotouno e levantou o faro. En tempos anteriores,a única vinculación da Torre con personaxes históricas é con César. Hai textos anteriores que falan da Torre que mandou construir César ou directamente que construiu César.

-A elección do Códice Calixtino como fonte de inspiración para bautizar á Coruña é casual ou ten un sentido?

-No caso da Coruña o rei non só lle pon o nome porque ten resonancias literarias senón porque vincula a cidade coa empresa carolinxia, a cristiandade, a cousa Xacobea e á vinculación con Europa. Hai que lembrar que o que hoxe é A Coruña era nos últimos séculos do primeiro milenio unha das etapas dos cruzados do Atlántico: viñan á Coruña, de aquí a Lisboa e de Lisboa baixaban e entraban por Xibraltar no Mediterráneo. O rei reforza esa vinculación coa cruzada e ao mesmo tempo co sepulcro de Santiago.