A concelleira de Medio Ambiente, María García, defende que o Mapa da Biodiversidade é unha ferramenta para coñecer a fauna e flora da cidade, pero tamén cales son as ameazas e cales son as medidas que se poden tomar desde o despacho para mellorar a vida das persoas.

- Un ano despois de comezar a tomar datos, o Mapa de Biodiversidade xa está rematado, como vai evolucionar este documento?

-É unha das primeiras medidas que tomamos ao chegar ao Goberno, a de licitar o mapa, porque cremos que para protexer e conservar o patrimonio natural hai que coñecelo. Hai que inventariar e censar as especies de fauna e flora con diferentes valores para sabermos cales son as especies do municipio, cales son os seus valores e como xestionalos. Agora mesmo o que temos é unha serie enorme de datos. Contabamos con chegar ás 1.500 especies e chegamos case ás 3.500, sabemos ademais onde están e podemos emprender medidas de xestión, de conservación, de protección. Xa o viñamos facendo, aínda que con datos que non eran definitivos.

- En que tipo de accións tiñan en conta a información do mapa?

-Na autorización de eventos e de obras para evitar afeccións. Estámolo utilizando tamén en temas de educación ambiental e para sensibilizar á poboación, para que saiba que é o que temos na Coruña. Despois de anos dun urbanismo moi intensivo, moitos dos valores que había hai anos desapareceron de moitos barrios e agora vemos que a maior parte deses valores naturais está na periferia.

- E que vai pasar agora, que xa teñen todos os datos?

-Cómpre preparalos para publicar, para que sexan doados de entender.

- Aproba con moi boa nota a Torre de Hércules e a súa contorna, tamén Monte Alto, pero suspende o quilómetro cadrado no que se enmarca Alcoa, van actuar para mellorar estas cifras?

-A prioridade agora mesmo é conservar os valores que temos e xestionar moi ben as zonas da periferia, fundamentalmente, o litoral. Sabemos que moita diversidade está nas diferentes formas de litoral que temos, nas rochas, nas pedras e praias pero tamén na auga doce, en Feáns e no Castro de Elviña... Agora mesmo, recuperar a diversidade de flora e fauna en Alcoa é un obxectivo loable, pero non prioritario. Sería moi difícil, pero iso non quere dicir que non se teñan que emprender medidas de control da contaminación, iso é esixible en todo momento. Estase traballando en que as industrias da cidade sexan menos contaminantes. Co mapa descubrimos unha sorpresa na zona industrial de Bens e Nostián, que teñen uns valores incribles. E, por suposto, no Portiño e nas zonas nas que se mantiveron as actividades agrícolas.

- Non conseguirían subsistir as especies na zona de Alcoa?

-Probablemente. Para que poida evolucionar unha especie de maneira favorable cómpre eliminar as ameazas e nós non imos quitar Alcoa de alí, nin Alcoa nin calquera outro desenvolvemento industrial ou urbanístico.

- Cales son eses tesouros da biodiversidade da cidade que cómpre manter?

-Aparecen varias especies ameazadas, son especies que tiveron nalgún momento unha poboación estable pero, por varias ameazas, atópanse en declive. Unha delas é o corvo mariño cristado, tamén a píntega salamandra. O mundo dos anfibios está en perigo porque o seu hábitat está sendo ameazado. Todo o que estea vinculado á auga, ás pozas... son hábitats aos que se lles concede pouca importancia. Hai especies tamén que están na lista vermella a nivel mundial, como a anguila, que está sorprendentemente, no río Monelos.

- Logo de ter esta radiografía, cómpre facer outra o ano que vén para ver como evoluciona ou é un documento para un periodo máis prolongado de tempo?

-É un traballo tan costoso, non economicamente senón de esforzo, que non é viable facelo todos os anos. Podemos notar unha variación se repetimos un inventario destas características en cinco ou dez anos. Aí si poderemos saber que pasou, por que se reducen, por que aparecen outras especies, como evolucionan as invasoras, que tamén están rexistradas no mapa, se avanzan na súa área ou se fomos quen de controlalas un pouquiño. Temos un reto enorme.

- Que van facer desde a Concellerái de Medio Ambiente para eliminar as especies invasoras, que son algo máis que os plumachos , segundo aparece reflexado na Mapa da Biodiversidade?

-No documento aparecen rexistradas 33 especies de flora e 9 de fauna. Estamos xa moi afectados. Nós o que fixemos até o de agora foi introducir a retirada de invasoras dos contratos municipais, do de parques e xardíns, do de desbroces e do de control de aves. Cando entren en vigor poderemos xa con medios propios empezar a retiralas das propiedades municipais. O seguinte paso será requerirllo ás parcelas privadas, pero para iso cómpre que teñamos un plan ou unha estratexia. É tan difícil desfacerse delas que non podemos pretender atacar todo ao mesmo tempo. Hai que decidir contra que especies podemos ir con maior probabilidade de éxito e tamén por onde comezamos. Sempre imos comezar polas zonas que máis valor teñen, tanto natural como para a xente.

- Por que zona e por que especie se podería comezar?

-Poderiamos empezar pola Torre de Hércules, é un dos lugares más diversos, máis bonitos e máis queridos pola cidadanía e está bastante afectado polas especies invasoras. Lamentablemente, nalgúns casos creo que xa chegamos tarde, como coa Margarida do Cabo ( Arctotheca calendula).

- Achegarán este documento ao Ministerio de Medio Ambiente para a realización do proxecto final de rexeneración da ría do Burgo, que se atopa aínda atascado no trámite ambiental?

-O mapa é unha base de planificación de todo. Estanos dando a oportunidade de saber que cousas temos que evitar ou de que maneira podemos non afectar a outras especies. E creo que si, que se teñen que introducir eses criterios nos proxectos, incluído o da ría do Burgo. Aínda non llo pasamos, temos que empaparnos nós primeiro del e, despois, non só deixarllo ver ás outras administracións senón tamén ao resto da cidadanía.

- Terase en conta a información do mapa, por exemplo, para a celebración de festivais, para non autorizalos en zonas de alto valor ambiental?

-Si, xa se están tomando esas decisións. Na zona da Torre de Hércules xa cambiamos algunhas cousas, como o calendario de segas. Agora non se fan até o San Xoán para darlle tempo a toda a fauna a que críe sen que vaiamos alí a molestar coas desbrozadoras e a estropearlles a reprodución dese ano. Só con esta medida que non ten custo incrementouse moitísimo a biodiversidade na zona. Este ano repetirémolo con máis información de por que hai partes de herba sen cortar. Coa autorización de eventos o que facemos é valar elementos singulares, como as pozas ou os arbustos. O Correcán, por exemplo, xa non se celebra na Torre de Hércules para protexer a biodiversidade da zona. E no caso das obras, igual, agora estamos a traballar na restauración da senda peonil do río de Feáns pero xa sabemos que hai cousas alí que teñen moitísimo valor.

- Aparecen no mapa tamén animais que baixan á cidade porque seguen uns camiños que xa non existen e, en ocasións, acaban morrendo atropelados, hai posibilidade de recuperar algúns deles ou de evitar estas mortes?

-Queremos prantar árbores e arbustos con froito, porque é algo marabilloso para os animais e para a xente, poder ir apañar froita na cidade. Todo o que é dar de comer e acubillo sempre fai que se asenten especies interesantes. A apertura de novos camiños é complicada. Nas parcelas municipais imos ir substituíndo progresivamente o eucalipto por árbores autóctonas e caducifolias.

- Hai celebracións como o San Xoán ou os concertos na praia que están moi arraigadas na cidade pero que afectan a biodiversidade, que van facer para conter os danos que causan?

-Facemos un chamamento especial aos participantes para que extreme o coidado. O ano pasado xa houbo zonas nas que non se puido prender lume e funcionou bastante ben. O reto é diminuír a cantidade de plásticos que chegan ao mar. Non queremos prohibir nada, pero temos que apelar á conciencia da xente.

- Está tamén a contaminación acústica, que molesta animais e tamén aos humanos.

-Si, estamos facendo mapas de ruídos, sabemos cales son as zonas máis ruidosas, e todas están relacionadas co tránsito, coa mobilidade. Cómpre saber onde temos que actuar, a xente pode facer propostas e cómpre calmar o tráfico.

- Este mapa recolle tamén datos históricos, apréciase algunha evolución das poboacións?

-Parte de rexistro de 1950 e mirar como foi a evolución é o seguinte paso. Nós pensamos que achegar a natureza aos barrios e ás persoas é sinónimo de incrementar a calidade de vida.