Dentro do proxecto Eduemprende organizado pola Consellería de Educación e a Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN inclúese o programa Lanzadeiras Coruña enfocado á creación dunha ducia de proxectos de miniempresas en dez centros educativos da provincia. O IES de Viós é o único que participa con dúas miniempresas: Cría Piñeiras e V elutinas Go!. O primeiro é continuación da empresa que presentaron na edición pasada de A Coruña Emprende adicada á cría e distribución de carne e ovos ecolóxicos da galiña piñeira, unha raza autóctona galega orixinaria da provincia da coruñesa e en perigo de extinción. Nesta ocasión o proxecto irá encamiñado á cría sostible da galiña piñeira e á venda de polos, o que permitirá multiplicar esta raza e asegurar a súa pervivencia. Os alumnos de 3º de 4º de ESO deberán avaliar a viabilidade cun proxecto de orzamento que inclúa tódolos gastos como o aluguer do galiñeiro, unha incubadora dixital, un ovoscopio con luz de frío, un kit criador, sementes de millo, cereais, desinfectantes, comedeiros e bebedeiros.

No IES de Viós tamén están implicados en localizar niños de avespa velutina ou asiática do Concello de Abegondo no momento que é máis fácil poder tratalos, e para logralo é clave atopar os os niños primarios que as raíñas fundadoras fan entre marzo e xuño. E por iso os alumnos de 4º de ESO deseñarán e crearán unha aplicación para o móbil que permita a rápida xeolocalización dos niños creados e se poida enviar a información de xeito inmediato ao Concello para que os retire. Desta forma evitaríanse ás chamadas ao 012 e ao 112 e as que se fan de vólta para chegar ao lugar exacto onde está o niño. Nunha primeira fase haberá charlas para saber identificar a estas avespas e saber onde tenden a facer os niños. Con esta aplicación pioneira en Abegondo búscase que nun se empregue en tódolos concellos que conten coa presenza desta especie invasora que está a causar perdas aos apicultores ou agricultores.

Tanto no proxecto Cría Piñeiras como en Velutinas Go! os participantes dividiranse en grupos liderados por un coordinador, un promotor que se encargará da producción e a comercialización e un responsable de marketing e comunicación. Para difundir as iniciativas crearase un blog en ambos casos. No caso da miniempresa sobre a galiña piñeira tamén se difundirá no taboleiro do Concello e nas feiras localis, mentres que o xeolocalizador de niños de velutina se presentará no Concello en setembro para expoñer os resultados obtidos no verán con esta aplicación.