A Palloza será hoxe a mediodía o punto de saída da manifestación contra a privatización de terreos públicos na Coruña que convoca a Comisión Aberta en Defensa do Común. A entidade recolleu xa máis de 10.000 sinaturas en apoio ás súas reivindicación e, segundo expresa un dos seus voceiros, Ricardo Vales, confía nunha asistencia masiva á manifestación para que a Autoridade Portuaria reflexione sobre a súa intención de vender peiraos, La Solana e o hotel Finisterre.

- O número de sinaturas acadado é unha mostra do interese cidadán por esta cuestión?

-É unha cifra bastante significativa que mostra un respaldo importante ao rexeitamento á venda de patrimonio público. Proceden fundamentalmente de centros de traballo, xa que os sindicatos están colaborando con nós, ao igual que as asociacións de veciños. Os membros da comisión estivemos recolléndoas sobre todo no centro.

- Poden indicar a asistencia que haxa na manifestación?

-É unha incógnita. Fixemos un traballo pedagóxico de poñer a disposición da xente os datos para que se poida formar unha opinión cabal e razoada e que en función diso decida.

- Que pode supoñer unha asistencia masiva?

-Suporía que hai un rexeitamento importante por parte da poboación á venda dos terreos públicos e un respaldo fundamental ao Concello para negociar con Puertos del Estado sobre as súas propiedades na Coruña.

- Que tería que facer a Autoridade Portuaria se a afluencia de cidadáns é numerosa?

-Eu pediría que fora moi sensible á reclamación cidadá. Se é unha institución democrática, como estou convencido de que é, debería escoitar aos cidadáns. As grandes conquistas da Coruña sempre se acadaron cando a opinión pública fixo oír a súa opinión na rúa. Gustaríame ademais salientar que o PP debería explicar por que no seu día cambiou o tratamento que tiña o solo de La Solana e o hotel Finisterre de público a privado. O BNG denunciara no pleno no que se aprobou que detrás diso se agochaba unha operación especulativa, aínda que algún dixera que xa estaban aí "os do non".

- Como interpreta que o Concello iniciara os trámites para devolverlle o carácter público a La Solana?

-É moi positivo porque é unha fórmula axeitada para evitar unha hipotética privatización do solo. Vaille devolver a cualificación do solo que tiña antes de que o PP a modificara, o que é fundamental a nivel urbanístico para evitar calquera intento de privatizar os terreos.

- Pero a Autoridade Portuaria pode volver convocar a subhasta aínda que o Concello comezara eses trámites.

-A Autoridade Portuaria sempre di que vai seguir adiante. Outra cousa é que haxa algunha razón que eu descoñezo pola que o presidente de Puertos del Estado, José Llorca, non vén aquí como tiña prometido.

- A comisión non reclama só por La Solana, senón por todos os terreos públicos que pretenden ser privatizados. Non están quedando nun segundo plano?

-A Comisión Aberta en Defensa do Común xurdiu en marzo de 2016 precisamente para denunciar o intento de sacar a poxa as parcelas de Defensa no Campo da Estrada, que quedou deserta en parte pola presión que nós exercemos na rúa. Logo xurdiu a subhasta de La Solana e o hotel Finisterre, pero tamén está o proxecto de venda dos peiraos e o vello cárcere. Nós dicimos que se non teñen o uso que tiñan antes, que revirtan ao Concello porque forman parte do común.

- Pero no caso dos peiraos a Autoridade Portuaria tamén é bastante reticente a paralizar a súa venda.

-Eles acóllense a uns convenios que están asinados, ao igual que Defensa, que xa dixo ao Concello que lle vai reclamar o volume edificatorio que tiña no Campo da Estrada cando Francisco Vázquez asinara aquel acordo, e que se iso non ocorre, esixirá responsabilidades económicas. No caso do porto, están os convenios de 2004, pero como a situación urbanística non é a mesma, debe reformularse o Plan Xeral de Ordenación Municipal para defender os intereses da Coruña, xa que neses peiraos estaba previsto construír edificios institucionais e vivendas privadas.