O Museo Gaiás da Cidade da Cultura acolleu esta semana a segunda edición do congreso FP Innova, onde se reuniron un total de 250 alumnos que deron a coñecer, a través de actividades demostrativas, os 32 proxectos que desenvolveron na aula, así como as miniempresas creadas ao abeiro do programa Lanzadeiras Coruña, que á súa vez se inclúe no proxecto Eduemprende coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Alcoa coa colaboración de LA OPINIÓN. Dez centros educativos da provincia coruñesa participan na creación dunha ducia de proxectos de miniempresas e algúns deles estiveron presentes neste evento. FP Innova contou condúas partes diferenciadas. Por un lado, a área expositiva dos proxectos de innovación e, por outro, a parte dedicada a congreso, á que asistiron arredor de 300 docentes.

Na primeira delas participaron os centros educativos que presentaron as súas miniempresas. Así o fixeron os alumnos do CIFP Ánxel Casal de Monte Alto, na Coruña, para presentar Ouvisán, entidade adicada á fabricación de protectores auditivos feitos á medida, adaptados ás características fisiolóxicas das persoas usuarias e ás características do ámbito académico ou profesional. Os protectores auditivos personalizados aumentan a protección dos oídos fronte á contaminación acústica en relación aos outros tipos de protectores comerciais. Pola súa parte, estudantes do IES Isaac Díaz Pardo de Sada amosaron o seu proxecto QUEN-T, destinado ao deseño, confección e comercialización de roupa e calzado con calefacción e temperatura autorregulable. O sistema de calefacción está programado mediante Arduino e pode activarse desde o móbil cunha APP propia da empresa.

Desde Ferrol chegaron as iniciativas dos alumnos do IES Leixa e do CIFP Ferrolterra. No primero caso trátase de Proxectos Gráficos Leixa (Progreixa), unha empresa de servizos integrais de produción gráfica que inclúe a análise das necesidades do cliente, bocetaxe, deseño, edición e elaboración de produtos gráficos e produtos editoriais tanto multimedia como impresos mediante impresión dixital, impresión en gran formato ou rotulación. No caso do CIFP de Ferrolterra o proxecto denomínase Minicaravanas Ferrolterra S. Coop. e adícase ao deseño, a fabricación e a comercialización de minicaravanas axustadas ás necesidades da clientela, totalmente personalizables segundo os seus gustos e requisitos.

Ademais destes catro centros no programa Lanzadeiras Coruña tamén participan os centros CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús, na Coruña; o IES de Viós de Abegondo; o IES de Ortigueira; o IES San Clemente e o CIFP Politécnico de Santiago; e o CEIP de Sigüeiro. O IES de Viós e o CIFP Politécnico de Santiago participan con dúas miniempresas cada un.