O pasado día 2 deste mes de maio, Fernando Montoto Estévez cumpriu oitenta e oito anos. Para celebralo chegou o día anterior de Francia, onde traballa como tradutora, Almudena, filla del e de Dolores Penas Saavedra; os tres pasaron a feliz xornada na casa onde vive o matrimonio, en Ares. Alí reside Fernando desde os anos sesenta e como desenvolvía a vida profesional na Coruña, moitas veces, en tempos previos á autoestrada, colleu o seu barco para chegar axiña ao porto da nosa cidade e desde alí ao hospital.

A sala de traballo da vivenda, desde a que hai unha magnífica vista de Ares, está ateigada de obxectos que, como di Fernando, son como un resumo da súa vida. Os diplomas, fotos, recortes de prensa sobre o percorrido profesional aparecen mesturados con libros e con materiais diversos, entre os que salientan algúns relacionados coa súa carreira deportiva como afeccionado, cunha vitrina que alberga numerosos trofeos correspondentes aos éxitos que obtivo en natación, atletismo e tenis. E entre eles dous obxectos singulares, unha das raquetas que usou Manolo Santana na final que gañou en Wimblendon e o balón co que o Deportivo obtivo a Liga ("¡Cómo me voy a olvidar!"), asinado polos xogadores. Nesta contorna Fernando goza dunha xubilación ben merecida, coa lembranza dunha vida de éxitos profesionais e satisfaccións persoais que tiveron un contrapunto amargo, unha dor que expresa con estas sentidas palabras: "Pasei coarenta anos sen pai".

A pouco coñecida odisea de Solitario Montoto

A Solitario Montoto Feijoo non lle resultou doado facerse médico. Nado na parroquia de San Mamede de Bodaño (concello de Vila de Cruces, Pontevedra), a familia, xente rica do rural, quería que fose crego e mandárono ao Seminario con oito anos. Aos 18 pediulle aos pais saír de alí e facer unha carreira universitaria, porén negáronse polo que Solitario buscou e acadou a expulsión queimando os exames do Seminario. Non abondou con iso para facer cambiar a opinión do matrimonio, pretenderon que traballara no campo pero a insistencia do fillo obrigounos a aceptar. Iso si, nada de ir a Santiago, pois identificaban o ambiente estudantil con hábitos pouco recomendables, o destino educativo foi Ourense. Alumno brillante, superou axiña os estudos secundarios e de novo tivo que esforzarse para convencer aos pais de realizar a carreira de Medicina en Santiago de Compostela, que rematou no curso 1924-25.

Exerceu como xinecólogo en Ribeira e Palmeira enos anos da Segunda República asumiu a Alcaldía do seu Concello natal desde as ringleiras de Izquierda Republicana. O golpe fascista de 1936 obrigouno a fuxir para salvar a vida, marchou cara o exilio arxentino, protagonizando unha das moitas traxedias humanas do momento. No país andino traballou en diferentes localidades, unha delas Colonia Vignaud, situada na provincia de Córdoba, onde exerceu a medicina e ocupou o cargo de intendente, equivalente ao noso de alcalde. Posteriormente pasou a Villa Minetti, poboación da provincia de Santa Fe. Alí permaneceu 18 anos e dirixiu o hospital local; como recoñecemento ao seu labor unha das principais rúas de Villa Minetti leva seu nome.

Mestre para poder ser médico

O camiño inicial de Fernando Montoto tampouco resultou sinxelo. Nado en 1929 en Vila de Cruces, co exilio do pai ficou coa nai, María Estévez Pena, mestra destinada en Palmeira. Esta, interesada pola formación do fillo, obtivo o traslado para unha escola das inmediacións da Coruña, Vilaboa, o que lle permitiu matricular a Fernando en quinto de Bacharelato no colexio Dequidt da cidade herculina. Malia que o seu nivel inicial era inferior ao dos compañeiros, axiña foi superándose e na reválida celebrada en Santiago converteuse no único dos 46 alumnos do colexio que a pasou. Mais cursar Medicina en Compostela era complicado para a economía familiar, polo que Fernando aprobou previamente Maxisterio, obtendo un destino de Bembibre. Das 400 pesetas ao mes que cobraba como mestre a metade, 200 eran para un substituto que atendía o seu labor na escola e as outras 200 servían para cubrir os gastos de facer a carreira de Medicina.

En Compostela e no sanatorio Baltar

Do seu paso pola facultade de Medicina lembra como o seu mellor profesor ao catedrático de Fisioloxía Ramón Domínguez -"¡Muy bueno!", "excepcional"- unha opinión compartida por moitos dos exalumnos dese docente. Mais el, que xa desde neno quería ser médico, tiña unha clara vocación: a cirurxía. E nesa especialidade tivo a fortuna de contar coa docencia de Ramón Bengoechea, un grande cirurxián. Rematou a carreira con sobresaínte e co gallo do traslado do hospital desde o histórico Hospital Real, hoxe Hostal dos Reis Católicos, ao hospital da rúa Galeras, obtivo praza de médico interno a pesar de non seren aínda médico, estaba no último curso da carreira, grazas ás xestións do salientable catedrático Manuel Suárez Perdiguero, con quen colaboraba en cirurxía pediátrica e estimaba moito a súa pericia.

Xa licenciado, Fernando quixo traballar cun experto cirurxián xeneralista, Ramón Baltar Domínguez, no sanatorio que levaba o nome da súa familia, Sanatorio Baltar, creado polo pai, Ángel Baltar Cortés, e Manuel Varela Radío en 1908, o primeiro cirúrxico de Galicia. Foi falar con Ramón e ao pouco tiña praza. De Ramón Baltar dinos que "era un excepcional cirurxián, facía todo e todo ben", e conclúe, agradecido: "Aprendín moito con el".

Destino profesional na Coruña

O sanatorio Baltar pechou en 1963. Antes, Fernando marchou a realizar o servizo militar e tivo como destino o Hospital Gómez Ulla de Madrid. Alí pediulle traballar con el ao galego Gómez Durán, "o mellor cirurxián do Exército". Gómez preguntoulle: "¿Qué sabe hacer?". E Fernando respostou: "Operar todo lo que usted quiera". Ao remate da experiencia militar obtivo unha bolsa de axuda posgrao e volveu para Coruña, establecendo consulta na rúa Real número 13. Os inicios non foron doados, os ingresos eran escasos nos primeiros meses mais a situación foi mellorando e Fernando desenvolveu unha exitosa carreira profesional, ocupando a xefatura de servizo de cirurxía dos hospitais Labaca e Santa Teresa. Polivalente e innovador, no terreo da cirurxía dixestiva foi o primeiro en aplicar aquí a técnica de sutura intestinal monoplano, co que reducía algúns trastornos e tempo de recuperación dos pacientes.

Reencontro co pai

A separación de case corenta anos co pai foi, nas súas palabras "dura". En 1975, con Franco morrendo, marchou a buscar a Solitario. Ao chegar a Bos Aires baixou de primeiro pola esqueira do avión e ao pé dela agardábao o pai. Contando o momento do encontro Fernando emocionase, coa voz entrecortada e as bágoas aparecendo, exclama: "Maldita guerra civil!"

Solitario precisaba pasaporte para volver e daquela iso levaba dous ou tres meses de xestións porén Fernando contou coa axuda do xefe de Policía de Bos Aires. No verán operara de apendicite aguda á filla do agregado cultural da embaixada arxentina e este deulle carta o responsable policial, polo que acadou pasaporte para o pai nun día. Cando o avión de retorno aterrou en Madrid estaban enterrando a Franco.

Despois da volta, durante anos Solitario acudiu con Fernando ao seu hospital, mesmo lle axudou a operar ata que cumpriu os oitenta e sete anos. Un día visitaron a un enfermo terminal. Fernando coméntame: "Nunca puiden dicirlle a unha persoa que non había solución, que ía morrer, e por iso tamén nese caso dinlle uns ánimos inxustificados". Ao saír o pai colleuno do brazo, díxolle: "Moi ben!" e contoulle unha anécdota do seu admirado profesor. "Mira, o meu profesor Nóvoa Santos era ateo pero dicíanos aos alumnos: 'Cuando nada se puede hacer por un enfermo hay que, por lo menos, sembrarle de rosas el camino del sepulcro". Non foron moitos anos porén, por fin, pai e e fillo gozaron da vida compartida.