"Nunha época na que se lle di á xente que a golpe de clic pode cambiar as cousas, que unha entidade coma a nosa siga viva e siga traballando a pé de rúa é síntoma de que non todo está perdido e todo pode mellorar". Fala Alberte Fernández Mariño, presidente da asociación veciñal de Atochas, Monte Alto e A Torre que, con 40 anos de vida, ten 700 socios nos seus libros e moito que celebrar. Polo aniversario destas catro décadas, o colectivo veciñal reuniuse no seu emblemático local da rúa da Torre, con infantería veterana e moza, para descubrir unha placa que recorda "á veciñanza que co seu esforzo e dedicación forxou a historia desta entidade e creou esta biblioteca para as vindeiras xeracións (1977-2017)".

O sábado 13 de maio de1977 foi o día no que se legalizou. Pero xa un ano antes "comezárase a mover algo na rúa Xerión", explicou Fernández Mariño. Eran dúas asociacións, unha das Atochas e outra de Monte Alto que sumaron o seu "interese por cambiar as cousas e mellorar o barrio, que naquela época se atopaba nunha situación bastante lamentable". Máis de cen persoas puxeron os cimentos de esta "escola de reivindicación", como lle chamou un dos seus fundadores e expresidente, Ricardo Vales, que recordou as asambleas de trescentas e catrocentas persoas e todo o que conseguiron "conquistar": un mercado, a cidade deportiva da Torre, a escola infantil...

Ademais da reivindicación, Vales destacou a importancia da colaboración municipal, iso sí, con independencia. "Moitas das asociacións hoxe non existen fundamentalmente porque foron domesticadas e claudicaron ás esixencias do goberno de turno", sinalaron.

Na mesma liña, outro dos seus expresidentes, David Pena, suliñou a importancia de integrar a canta máis xente mellor para que a asociación sexa "un verdadeiro contrapoder que lle dea personalidade a un barrio por riba do crecemento urbanístico sempre desaforado e especulativo". "Como dixo o presidente, a sociedade non se cambia cun clic desde un smartphone, hai que empatizar e estar en contacto coas personas que están ao noso carón e unirse para poder cambiar as cousas en termos de xustiza e de construir sociedade", engadiu.

Pena tivo palabras para Esperanza, "todo corazón, todo xenerosidade", unha das primeiras socias e muller de Nión, quen se hipotecou para que a entidade puidese ter o local da Torre. A este acto de aniversario seguirán outros e unha publicación para que todos os veciños coñezan como se construiu este barrio.