A Coruña celebra o Día das Letras Galegas e as xornadas previas con diferentes actividades dispersos por toda a cidade. A máis multitudinaria polo momento tivo lugar onte no colexio Sagrado Corazón-Franciscanas, onde centos de nenos participaron no patio da escola nunha macromuiñeira. Na libraría Sueños de Papel tamén se celebrou onte unha sesión de contacontos dos contos Cocorico e O polo Pepe.

Hoxe, véspera do día da grande celebración, a Biblioteca Provincial organiza unha xornada de actividades na que a figura do homenaxeado deste ano, Carlos Casares, será a protagonista. Cada persoa que leve materiais en préstamo levará como premio un agasallo. Entre as 18.00 e as 20.00 horas desenvolverase un obradoiro aberto en torno ao escritor no que se creará un pequeno teatro con personaxes da súa obra. Ás 18.30 horas farase unha lectura pública do conto Vento Ferido. Tamén a esa hora entregaranse os premios do VI Concurso #140enpositivo na sala César Antonio Molina.

Pola súa banda, a escola infantil de Zalaeta, de Afundación, celebrará unha sesión de contacontos interxeracional a cargo de grupo de monicreques La Tarara, formado por socios do Espazo +60 Afundación da Coruña. Eles serán quen relaten aos nenos de entre 3 e 6 anos o conto de A Galiña Azul, que Carlos Casares escribiu para que Ana, unha nena que abandona Galicia xunto aos seus pais, nunca se esqueza do galego nin da súa terra.

No IES A Sardiñeira o profesor da facultade de Medicina da Universidade de Santiago Xurxo Mariño impartirá a conferencia Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo. O alumnado do colexio Concepción Arenal tamén participará hoxe ás 11.30 horas nun acto aberto na praza José González Dopeso no que se leran textos de Carlos Casares.

Tamén se sumará á festa das letras a Libraría Arenas, que aplicará durante o día de hoxe un desconto do 10% en todos os libros en lingua galega. No Corte Inglés da rúa Ramón y Cajal, no soto 1, representarase ás 19.00 horas o espectáculo infantil Vaioviravai, unha obra de teatro musical creada a partires dos contidos e valores que transmite o libro disco, As andanzas de Paio. Os departamentos de libraría do Corte Inglés tamén agasallarán aos clientes durante o día de hoxe cun marcapáxinas conmemorativo, cunaha cara adicada a Carlos Casares.

Tamén se suma á festa das letras con programación especial o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), que proxectará hoxe ás 20.30 horas o documental de Gonzalo E. Veloso Contando a Carlos Casares, no que se aborda a figura do escritor ourensán. No filme, o director entrevista a familiares e expertos na obra do literato para compor un retrato íntimo e profesional desta polifacética figura das letras, que salientou na narrativa, máis tamén no ensaio e o xornalismo. A metraxe inclúe tamén a súa afección cinéfila, que quedou plasmada na súa novela Ilustrísima.

Tamén hoxe arrincará na Casa Museo Casares Quiroga a exposición Andar cos tempos. Sobre os estereotipos sexistas no baile e músicas tradicionais. Nela analisaranse cuestións como os papeis de bailadores e bailadoras, os xeitos de moverse e bailar, así como o reparto de instrumentos en función do sexo.