O Concello programa unha campaña de dinamización dos mercados que terá como foco principal que os pequenos de idades comprendidas entre os catro e os doce anos visiten estes espazos e adquiran bos hábitos alimentarios.

"A finalidade desta campaña é a de inculcar na xente máis nova a importancia dunha alimentación equilibrada, fomentando hábitos axeitados mediante o xogo", explicou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, en referencia a que os rapaces participantes nas visitas poderán preparar un menú cos produtos que atoparán nos diferentes postos dos mercados municipais.