A Consellería de Medio Ambiente remitiu ao Concello uns informes técnicos sobre as obras que afectan á época de cría dunha colonia de cirrios - vencejos, en español- que aniña na fachada do número 2 de Rúa Nueva. Estes informes, segundo o Goberno local, non son suficientes para paralizar a obra até que remate a reprodución, sobre o 15 de agosto, xa que non son "resolucións", senón "informes técnicos" e, inlcuos, un "informe proposta", aínda que, segundo fontes municipais, "non resolve as medidas a sseguir para garantir a conservación das aves".

Preguntada a Consellería sobre se vai emitir os documentos que require o Concello para poder suspender temporalmente a licenza de obra, aseverou que non ten que facer nada máis que informar ao Goberno local da situación que se está a dar neste edificio, no que aniñan dúas especies recollidas no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. Esta información, porén, xa lla fixeran chegar ao Concello e á Xunta o Grupo Naturalista Hábitat, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o grupo local de Pontevedra da Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife) que redactaron un documento no que alertan de que o andamio e a tea que o cobre non permiten que os cirrios común e pálido poidan acceder sen problemas aos seus niños. A empresa encargada de facer as obras asegurou a este diario que deixou ocos para que os paxaros pasen, aínda que as entidades ecoloxistas aseguran que non son o suficientemente grandes e que non están ben colocados, xa que non están en liña cos niños.

"O que solicitamos desde un principio é que a Consellería de Medio Ambiente asuma as súas competencias, resolva e indique ao Concello exactamente cales son as medidas a seguir para garantir a conservación destas especies", indicou o concelleiro de Rexeneración, Xiao Varela. As entidades ecoloxistas aseguran que o máis acaído neste caso sería deter a obra e retomala a partir do 15 de agosto, cando remate a época de cría, porén, o Concello di que non pode suspender a licenza de obra sen unha resolución da Consellería de Medio Ambiente, que é a entidade que ten a responsabilidade de velar polas especies protexidas, como o son os cirrios comúns e pálidos.

"Os informes autonómicos indican que a actuación provoca malestar a unha área de reprodución dunha especie protexida, á vez que indican que o proxecto de rehabilitación que se aprobe debe garantir que as zonas de aniñamento se manteñan para as temporadas seguintes", comentan fontes municipais, que aseguran que requeriron á Consellería de Medio Ambiente unha resolución para poder avalar a decisión de paralizar a obra.

Estas especies protexidas teñen do seu lado a lexislación vixente, que prohíbe "calquera actuación feita co propósito de matalos, capturalos, perseguilos ou molestalos, así como a destrución dos seus niños s e lugares de reprodución", segundo recolle, ademais, o informe redactado polas asociacións ecoloxistas.

A Xunta defende que emitirá outro documento informativo pero que non ten potestade para facer nada máis e que é o Concello quen ten que paralizar a obra.