A escultura en homenaxe ás vítimas da represión franquista fusiladas no Campo da Rata de Isaac Díaz Pardo conclúe estes días a súa restauración debido á perda dalgúns elementos característicos desde a súa inauguración en 2001.

As condicións climáticas decoloraron o azul cobalto de Sargadelos co que están pintados os textos das inscricións conmemorativas e os poemas de García Lorca e Uxío Carré. Tamén se recuperan a cor vermella que debuxaban as pegadas dos impactos de bala e os fíos de sangue sobre a pedra.

Os traballos de restauración desenvoltos ao longo da última semana tiveron un custo de licitación de 1.648 euros. Entre as técnicas utilizadas, a impresión sobre vidro para que a nova imaxe teña un aspecto idéntico á fotrografía enmarcada en vidro pero con mellor resposta á luz solar.

As cores acadáronse a partir da análise de mostras extraídas dos restos de pintura que aínda quedaban. O vermello do sangue e a contorna exacta dos seus fíos recuperouse grazas á documentación fotográfica recompilada nos primeiros anos da escultura e baixo diferentes condicións de luz.