O persoal dos Museos Científicos da Coruña decidiu desconvocar as xornadas de folga previstas para hoxe e mañá na Casa das Ciencias, a Domus e a Casa dos Peixes, así como a mobilización que fora anunciada para mañá ás 20.00 horas. Un total de 29 empregados, dos 31 que están en nómina, respaldaron esta decisión onte en asemblea dando un voto de confianza ao concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que lles prometeu onte nun encontro diversas melloras no prego de condicións do último contrato que saíu a concurso, como por exemplo o incremento da oferta económica se constan datos acreditados dos que se derive a necesidade de incluír cantidades non contempladas nos procedementos anteriores.

Tamén se incluirá unha cláusula incorporar nos pregos unha cláusula que dea seguridade xurídica aos eventuais licitadores, garantindo mecanismos correctores do prezo do contrato no caso de que recaian sentenzas xudiciais firmes con recoñecemento de dereitos salariais dos e das traballadoras non contemplados no momento de determinar o prezo máximo de licitación. Outra das novidades buscará protexer aos traballadores fronte aos descolgues salariais, establecendo nos pregos como condición de execución a obriga do contratista de manter as condicións retributivas mentres dure o contrato.

O obxectivo do Goberno municipal é introducir estas mellos nos pregos do actual concurso, sen necesidade de voltar sacar o contrato do servizo a licitación. O xoves os representantes dos traballadores celebarán un novo encontro con Sande, que está pendente de recibir o visto bo da Intervención municipal para esta manobra.

Esta convocatoria de folga xurdira como resposta ao segundo ERE temporal que en menos de dous meses propuxera a concesionaria do servizo, a empresa Samyl. Os traballadores xa ameazaran con convocar paros parciais para a pasada fin de semana, se ben finalmente foron tamén anulados. No mes de marzo tamén se anunciara unha convocatoria de folga para Semana Santa, que tampouco se materializou. Este fora o primeiro estoupido dun conflicto laboral que ten como orixe a decisión de Samyl de rescindir os seus contratos a partir do 15 de abril.

A compañía terminou a súa concesión hai tres anos e desde entón é obrigada polo Concello a desenvolver a actividade de forma prorrogada. "Queremos evitar a folga se é posible pensando tanto na xente como nas outras concesionarias, como as cafetarías, que se poderían ver afectadas por esta decisión", sinalou un representante do comité de empresa.

A voceira municipal do PP, Rosa Gallego, reclamou ao alcalde, Xulio Ferreiro, unha solución "urxente e definitiva" que poña final á inestabilidade laboral dos traballadores dos museos e acusou ao Goberno local de non ter sido capaz en dous anos de adxudicar un novo contrato a tempo. Antes da desconvocatoria das mobilizacións, o PP reclamaba al rexedor que se publicase un Bando e se pendurase unha pancarta da varanda do Pazo Municipal de María Pita.

O BNG trasladou o seu apoio aos traballadores dos museos e amosou o seu apoio ás protestas en caso de que finalmente saísen adiante. "O Goberno municipal debe tomar xa unha decisión a respecto da súa relación coa empresa Samyl, condenada en reiteradas ocasións por vulneracións dos dereitos fundamentais do seu cadro de persoal. É inadmisíbel que empresas de este tipo poidan continuar prestando servizos ás administracións", aseguraron os nacionalistas nun comunicado. O PSOE, pola súa banda, tamén amosou o seu respaldo á decisión do comité de empresa se estes finalmente apostaban por manter a folga e a mobilización.