A apertura da Fábrica de Tabacos como nova sede xudicial está pendente de que Xunta e Concello se poñan de acordo sobre os requisitos legais necesarios para que obteña a licenza de primeira ocupación. O Concello requiriu ao Goberno galego diversa documentación e pagos de taxas. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, salientou que o Concello "o único que está a facer é esixir que se cumpran os trámites debidos, para poder proceder á concesión da licenza".

A semana pasada o Concello solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio que emitise un informe favorable ao proxecto final de rehabilitación da antiga factoría, xa que os traballos que se realizaron non se axustan ao proxecto para o que se concedeu o permiso de obra. Mentres que o Goberno municipal defende que os trámites que esixe á Xunta son os habituais, desde o Executivo galego acúsano de poñer "trabas" á apertura das instalacións. Patrimonio informou de que onte pola mañá entregou ao Concello o informe requirido, no que aproba a inauguración de Tabacos. A Xunta non fixo público o documento.

"A concesión da licenza municipal, independentemente de quen sexa a entidade ou institución que presenta o proxecto, debe contar necesariamente co informe de Patrimonio", indicou o edil, quen lamentou que a Xunta non realizase estes trámites necesarios antes da inauguración da nova sede xudicial dá Palloza, trámites que, unha vez realizados, asegura que "darán paso á concesión, tal e como corresponde".