Antes de cada concerto, desde un segundo andar, Antonio Cid repasa as partituras que van soar esa noite, as entradas dos instrumentos, as partes dos solistas, cada un dos movementos que se converterán en música... Ten que ter todo estudado para cando o director, Dima Slobodeniouk, suba ao escenario e comece o espectáculo logo de tanto ensaio. A Orquesta Sinfónica de Galicia está a reproducir en streaming a través de YouTube todos os concertos do seu Festival Beethoven, un agasallo de quen cumpre 25 anos e quere compartilo con quen os viu medrar e buscar un son propio desde as cadeiras do Palacio de la Ópera, pero tamén cos que nunca os puideron escoitar en directo e queren reducir as distancias, aínda que sexa cunha pantalla polo medio. Durante o concerto do pasado luns, que coincidía exactamente co aniversario da formación, por ser 25 anos despois da súa primeira actuación, até 1.242 persoas se conectaron á canle da Sinfónica para escoitaren a súa interpretación da Cuarta e da Sétima Sinfonía de Beethoven.

Algunhas desde España, pero outras desde moito máis lonxe, de alén do océano, desde Canadá, dos Estados Unidos, do Brasil, da Arxentina, Chile, Honduras e Colombia, mais tamén de Francia, de Italia, de Suíza, Alemaña, Austria e Portugal. Conectáronse tamén, a pesar da diferenza horaria, internautas de Rusia, de México e de Xapón. Algúns deles, mesmo quixeron achegarse un pouco máis a este concerto que rematou cun Parabéns para ti, coreado por todo o auditorio, baixo a batuta do mestre Slobodeniouk. E como o fixeron? Pois buscando o contacto virtual a través dunha conversa que se establece entre un voceiro da orquestra e o seu público, sente onde sente.

Antonio Cid, que é o xefe de realización da Sinfónica, explica que hai dous anos que a orquestra emitiu por primeira vez un concerto en directo por internet en alta definición, e recorda que, cando mercaron a mesa de mesturas, non había ningunha máis coma ela en Galicia, pola súa calidade.

Para que os espectadores poidan sentir a Sinfónica como se estivesen na Coruña, son necesarias sete cámaras, dúas delas fixas e cinco con operadores, unha axudante de realización e unha concentración máxima para non perder ningún movemento, para que non se escape detalle das pezas que soan. A Sinfónica sae para o mundo enteiro desde unha sala estreita, con pouca luz, moitos cables e un aparatiño pequeno que é o que codifica o sinal para subilo a YouTube. Entre o que se escoita no palco de butacas e o que sae polos altofalantes dos ordenadores hai só corenta segundos de diferenza. Menos dun minuto para poder escoitar as melodías de Beethoven, menos dun minuto para percorrer todo o mundo.