A Coruña sumouse onte aos actos de celebración que encheron toda Galicia polo Días das Letras Galegas, que este 2017 rendía homenaxe ao escritor ourensán Carlos Casares.

O acto central, e máis institucional, tivo lugar no Pazo de María Pita, onde varios veciños deron lectura no salón de plenos a pedazos da obra do literato que un día ocupou a dirección da editorial Galaxia. Entre os participantes atopábanse varios concelleiros do Goberno local, como o de Culturas, José Manuel Sande, ou Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga. Pola oposición, participaron a edil do PP Luisa Cid ou a do PSOE Mar Barcón.

O sector das librarías tamén se sumou ás celebracións deste ano. Na Formatos, o escritor Xavier Alcalá debullou a figura de Carlos Casares, dando paso ao recital poético de Pedro Casteleiro, Estibaliz Espinosa e Xavier Seoane. Na Libraría Azeta ofrecéronse xogos para os máis cativos nesta xornada festiva na que non houbo escola mentres que en Cascanueces Ramón Loureiro presentou a súa obra Casares, un libro marcado polos recordos xa que a ambos uníalles unha estreita amizade.

Xa á tarde, a música foi na cidade o elemento protagonista desta celebración das Letras galegas. No Campo da Leña, o programa de foliadas de Ardelleoeixo organizou unha nova actuación na que os bailes, as gaitas e os aturuxos contaron coa presenza especial, a partir das 21.00 horas, de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Preto do Campo da Leña, na Sala Mardi Gras organizouse o festival de bandas de Monte Alto, no que actuaron Incidents, Kostra da Morte, Huella e Freskiños.

8

A Coruña pon broche de ouro ao Día das Letras Galegas

A diferenza de en anos anteriores, onte non houbo actos de protesta para reivindicar a defensa e promoción do galego, xa que a plataforma Queremos Galego convocou unha única mobilización central en Santiago, que reuniu a milleiros de persoas. Os actos de onte súmanse a unha programación cultural polo Día das Letras que xa deu comezo o luns na cidade, con actividades en librarías e centros de ensino.