Temos reflexionado moito sobre se as entidades veciñais seguen a ter un papel relevante hoxe en día nun mundo cada vez máis globalizado. E chegamos sempre á mesma conclusión: nunca o seu papel foi tan importante e necesario para a sociedade.

O certo é que, cando intercambiamos opinións con persoas que nos precederon nas directivas, chegamos á conclusión de que, na situación actual de crise económica e social, onde o individualismo fai que existan persoas excluídas e esquecidas polo sistema, somos as entidades veciñais as que debemos acadar, coa forza da razón e o respaldo do noso barrio, as melloras precisas e unha calidade de vida digna para todos.

Son estas mesmas premisas as que fixeron que no ano 1976 un grupo de mulleres e homes decidiran fundar a Asociación Veciñal das Atochas-Monte Alto, que legalmente vería a luz o sábado 13 de maio do ano seguinte. De feito, polo que sabemos agora, a Brigada Político Social seguíu con interese os primeiros pasos daquela directiva fundadora. Unha directiva que, entre as súas primeiras accións, tería a de reclamar vivendas dignas para as persoas do barrio e a eliminación das chabolas existentes. Logo virían outras como a eliminación do lixo das rúas do barrio, a mellora na rede de sumidoiros, a creación dunha escola infantil, a necesidade de crear unha biblioteca pública (de aí a existencia da biblioteca veciñal do Campo de Marte, fundada en 1984), a necesidade de que a auga chegase a todas as casas dos barrios das Atochas e Monte Alto, a mellora do transporte público, a creación dun posto de Correos (hoxe en San Vicente de Paul)... Reclamacións e melloras que chegarían, e chegan actualmente, a materializarse pola forza exercida pola xente do barrio canalizada a través da entidade veciñal fronte ás distintas institucións e fronte ás distintas corporacións municipais.

Na época actual, onde a praza pública son as redes sociais e, dende certos poderes, envían a mensaxe de que todos os problemas poden solucionarse a golpe de clic dende a casa, que unha entidade veciñal continúe a ser referencia do movemento social e que acade os 40 anos de existencia é todo un logro. Un logro que non é froito só do traballo diario que poida facer a directiva actual, senón do respecto gañado pola veciñanza dos nosos barrios ao ter respostado contundentemente á hora de defender os seus dereitos en cada unha das convocatorias asamblearias celebradas nas rúas e na propia biblioteca veciñal.

Dende aquí aproveitamos a ocasión para agradecer a quen, hoxe en día, colabora coa nosa entidade e a todas esas persoas e colectivos que, ao longo do tempo, traballaron e traballan para que a Asociación Veciñal das Atochas-Monte Alt -Torre de Hércules poida cumplir, polo menos, outros 40 anos máis de existencia.