Dentro do proxecto Eduemprende organizado pola Consellería de Educación e a Fundación Alcoa, e no que colabora LA OPINIÓN, inclúese o programa Lanzadeiras Coruña enfocado á creación dunha ducia de proxectos de miniempresas en dez centros educativos da provincia. Un deles é o IES de Ortigueira, onde unha treintena de alumnos de 1º de Bacharelato e de 4º de Educación Secundaria participan no proxecto Ecooikos. Segundo explica a coordinadora da iniciativa, María Ángeles Colmenero, buscábase unha idea de negocio na que o instituto fose o protagonista e os alumnos puidesen desenvolver unha idea empresarial no propio centro. Por iso, aclara, pensouse nunha empresa de auditoría enerxética que non só prestase os seus servizos a particulares senón tamén a institucións, empresas e organismos públicos. Así, os alumnos participantes aparte de deseñar presupostos para outras entidades teñen a oportunidade de tomar conciencia do que costa a enerxía no seu centro educativo.

Colmenero explica que as auditorías de Ecooikos abarcan múltiples servizos: certificación de edificios, xestión enerxética do entorno, optimización tarifaria a partir do estudo das tarifas eléctricas, monitorización enerxética?Todos estes servizos están orientados á mellora da eficiencia enerxética e ao desenvolvemento de solucións sostibles e respetuosas co medio ambiente en edificacións. A coordinadora do proxecto insiste en que o obxectivo principal da empresa é satisfacer as demandas dos clientes con solucións idóneas deseñadas con tecnoloxías sostibles para acadar un aforro económico a través dun consumo enerxético eficiente. A innovación é, de feito, unha dos piares básicos de Ecooikos. A organización aplica as novas tecnoloxías "non só nos servizos e produtos que oferta senón tamén no propio proceso, na estrutura organizativa e en todas as súas áreas funcionais".

Os alumnos traballan de forma individual e en grupo. Antes de poñerse en marcha co proxecto empresarial analizaron o entorno no que actuarán para coñecer a demanda, ademais de estudar a información proporcionada por organismos públicos. Para que se coñeza a idea, Ecooikos promocionarase en feiras e foros relacionados co sector ou en campañas publicitarias en medios sociais. A coordinadora destaca a aceptación destas iniciativas entre o alumnado porque lles permite ter outra experiencia educativa, á marxe das clases ordinarias. "Chegan a crer que a empresa é real e implícanse ao máximo porque á medida realizan cada fase ven como a idea de negocio vai tomando forma e é viable", afirma Colmenero.