O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, coordinou a segunda candidatura do Concello para obter fondos europeos dentro do programa DUSI, destinado a cidades comunitarias. A Unión Europea, a través do Ministerio de Facenda, esixía aos municipios aspirantes a presentación dunha "estratexia integral" para evitar males doutros tempos como a subvención de accións illadas que deron, por exemplo, en edificios sen contidos ou programas sen continuidade unha vez remada a axuda. Tras recibir o non de Facenda no primeiro intento, replantexouse o traballo, con Varela á fronte, e A Coruña concurriu cun documento consensuado, esta vez, coa oposición en torno á mobilidade e á rexeneración de espazos públicos e dos mercados como ágoras dos barrios. A pasada semana chegaba a boa nova: 15 millóns para actuacións na cidade.

- Había plans fiados á chegada dos fondos europeos ou paralizados por falta deses cartos?

-Non. Nós, despois destes dous anos gobernando, chegamos a unha conclusión, hai que intentar colaborar en todo o posible co resto das institucións pero estamos intentando non condicionar o noso programa ás accións que dependan doutros. Porque estamos vendo sistematicamente que, cando poden, bloquean. A estratexia Eidus é coherente co noso programa de goberno pero non ten accións condicionadas. Así, o que vén ser o Eidus é un reforzo a nivel de investimento ás liñas de acción que temos abertas. O que fixemos foi, para ter o consenso que non houbera na primeira estratexia, buscar un ítem, unha cuestión de consenso co resto de grupos políticos.

- Atopárono na mobilidade.

-Todos entendiamos isto como algo necesario. Tamén na mellora do espazo público. Todo desembocou nesa idea de A Coruña, cidade próxima, que fala desa cidade para as persoas, de proximidade, desde o punto de vista de rexeneración urbana pero tamén desde o punto de vista do emprego, da Xustiza Social, da partipicación? É coherente coa estratexia que xa temos e son fondos que veñen apoiar, impulsar, proxectos que temos lanzados e que, de non ter eses fondos, tamén se farían.

- Por exemplo?

-Pois hai unha liña de actuación de 1,9 millóns para "promoción da mobilidade a pé a través de solucións de accesibilidade e diversificación de medios de mobilidade e permeabilidade transversal en vías da cidade e dotacion de percorridos peatonais"... pois xa estabamos falando da cidade accesible, a ciclabilidade, a peatonalidade? Son 1,9 millóns que veñen apoiar o investimento que temos lanzado. A praza Isabel Zendán é unha actuación que cabería aquí, pero se non nos tivesen dado os Eidus, faríase con fondos do Concello. Está o tema das bicicletas eléctricas, que tamén é unha partida importante que tentamos o ano pasado vía modificativo pero este ano xa está aquí? Ou o tema da humanización de espazos, para o que hai 2,5 millóns e recollen un montón de accións que xa temos abertas. E igual cos mercados.

- Cal é o seguinte paso que hai que dar?

-Hai que presentarlle un manual de implementación a Facenda e teñennos que dicir que a nosa proposta de execución do Eidus lles parece ben. Estamos traballando nese documento pero ata que non estea validado por Facenda, non podemos presentar proxectos para que nos digan se son ou non elixidos. Témolo avanzado e esperemos que sexa canto antes. Cando saia a convocatoria, porque aínda non saiu. De feito, é curioso porque os que foron na primeira convocatoria aínda non teñen resolto ese paso, co cal nos estamos sumando, segundo me contaron, á primeira convocatoria.

- Unha vez superado o trámite, teñen que ir pedindo validación e cartos a Facenda proxecto por proxecto. Cales serán os que poñan primeiro enriba da mesa ?

-Hai axudas que son máis doadas de empaquetar e mandar ao Ministerio. Como o tema das bicicletas eléctricas, que temos bastante avanzado porque Emvsa xa fixera no seu momento un plan estratéxico cando quixemos metelo no modificativo que non se aprobou no pleno. E despois por sorte moitas accións que están aquí contidas teñen proxectos nos que xa estamos traballando. Dependemos dos calendarios. Se non chega o OK do Ministerio no momento correcto, farémolo con fondos propios. Un exemplo é o mercado de Monte Alto. Imos arrincar agora coa redacción do proxecto de execución. Cando haxa que licitalo, se xa está operativo, pedirémolo.

- Este procedemento de pedir aprobación plan por plan, ralentiza a execución da axuda?

-Polo que din é bastante automático. Necesitamos iso si unha estrutura orgánica específica no Concello. De feito, hai que facer unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), que dea cabida á xestión destes fondos, para que unha serie de funcionarios, dependentes da Xefatura de Alcaldía, fagan o control e a xestión. Pero polo que di o xefe de Alcaldía, que ten experiencia na xustificación do Urbana C, non é engorroso e contestan con certa celeridade. Si implica uns procedementos específicos, a nivel de contratación e publicidade, por exemplo. Todo ten que ser en concurso aberto.

- Hai que cambiar o orzamento a través de modificativos para introducir as actuacións do Eidus, tendo en conta que os últimos intentos ou foron infrutuosos ou lentos porque están en situación de minoría no pleno.

-Tivemos unha primeira xuntanza coa oficina orzamentaria e aínda non teño datos definitivos pero, polo que parece, se temos no orzamento partidas compatibles con estas liñas e están dotadas economicamente, non hai que pasar polo pleno. Dotadas co 20% de fondos propios que o Concello ten que aportar. Se eu teño unha partida para facer a reurbanización dunha vía concreta e esa partida está contida no orzamento e a liña de actuación do Eidus é compatible e dotada, non hai que pasar polo pleno e o Ministerio asinaría. Se non está contida no orzamento, entón si, toca ou facer un modificativo ou programalo no orzamento do ano próximo.

- Como vai funcionar a comisión do DUSI co resto dos grupos municipais a partir de agora?

-O compromiso é que siga adiante. Eu estou moi satisfeito do enfoque e do traballo que se fixo nesa comisión e do papel do resto dos grupos e gustaríame seguir funcionando como seguimos ata este momento. Cando terminou o proceso de execución da estratexia, eu comprometinme a que a comisión tería continuidade. Cun condicionante. Entendía que a comisión era un espazo de fiscalización e de control pero non de bloqueo. Temos unha estratexia consensuada, as accións que se fagan teñen que ser acordes con esa estratexia pero os que temos a responsabilidade e o deber de tomar as decisións e executalas é o Goberno local. O que non vou permitir é que a comisión bloquee as accións do Eidus porque o obxectivo é que se execute ben e en tempo. Imos seguir indo a comentar, debatir e presentar os pasos que se vaian dando pero dende o control e non desde o bloqueo.

- Influiu a ausencia deste consenso na anterior convocatoria no rexeitamento da proposta?

-Non sei avaliar o peso que tivo iso, porque non avaliei eu a estratexia. Eu creo que desta vez foi ben recibido e valorado. O que quizais puido penalizar á primeira foi que tiña un contido político moito máis marcado, porque falabamos da Coruña, cidade de dereitos, era unha estratexia que politicamente referenciaba moito máis ao noso programa de goberno. E ao encontrar un ámbito de intervención de maior consenso, menos discutible desde o punto de vista político, pode que fose mellor valorada.

- No caso da súa área, Rexeneración Urbana, en que se vai notar a axuda europea?

-En realidade, eu creo que o que vai haber son máis intervencións. Porque as liñas de actuación eran as que están noso programa. Co cal, non é que aparezan novas liñas, senón que imos ter, a medio prazo, xa que o programa ten continuidade ata 2023, máis intervencións e máis investimento dentro da cidade: mellora do espazo público, accesibilidade universal? convertir a cidade nunha cidade máis amable, máis pensada para personas e non tanto no vehículo privado, na calidade do espazo urbano. Así temos un pulo a maiores neste investimento e tamén podemos dedicar cartos municipais que iamos empregar niso a outras políticas distintas.

- O PP cuestiona que sexan capaces de executar os fondos.

-Estamos demostrando que, cunha man atada ás costas como nunca houbera neste concello, estamos tendo niveis de execución semellantes aos que puideron ter anteriores corporacións tendo maioría absoluta. Eu díxeno repetidas veces, estamos pasando moitas penalidades, desde o punto de vista de bloqueo da oposición no pleno e doutras administracións, pero aínda así xa estamos comezando a recoller os froitos do que fixemos estes dous últimos anos. Hai unha segunda metade de partido, pasamos o primeiro punto de inflexión do mandato e estamos comezando a ver os froitos. Levamos un par de semanas bastante significativas, coa demolición na Pasaxe, que non fixo o anterior goberno; coa adxudicación das obras do ofimático, que foi un proceso moi complexo; e finalmente coa aprobación dos fondos europeos. Eu dígollo moito ao grupo de goberno, sei que nesta segunda metade de partido, así como na primeira estivemos defendendo, pasamos ao ataque.