Un respiro na enfermidade

A escritora María Luisa Abad presenta o seu libro 'Limaduras de prata', un poemario solidario co que desexa axudar ás persoas con cancro

01.06.2017 | 01:15
A escritora María Luisa Abad.

Foi osíxeno para ela, e agora quere que o sexa para o resto. María Luisa Abad, mestra xubilada e poetisa, presenta esta tarde ás 20.00 horas no local da Asociación Veciñal Agra do Orzán a súa obra Limaduras de prata, un conxunto de poemas que relatan as percepcións e sentimentos que experimentou durante o tratamento do seu linfoma. A obra, que xa vai pola segunda edición, pretende ser un espello no que poidan reflectirse os doentes da enfermidade vivida tamén pola autora, que cedeu os dereitos do libro a Asociación Española contra o Cancro para destinar a ela todos os seus beneficios.

"Para min escribir poemas era un desafogo e, logo de rematar a quimioterapia, pensei que podía publicalos e axudar a outra xente", explica Abad, que di falar na súa obra "do día a día, aínda que sen ser tráxica". "Intentei que non fose dramático, senón dar esperanza. Aínda que as enfermidades son duras, delas tamén se sae fortalecido", di.

Porén, e a pesar deste positivismo, a autora asegura que non quere caer no belicismo do cancro. "Pretender que o enfermo sexa un heroe", afirma, pon "unha carga extra" sobre os ombros do paciente, que "se supón que ten que loitar e vencer á enfermidade". "É verdade que é bo estar animado, pero tamén tes todo o dereito a chorar", conta.

Trala presentación de hoxe, Limaduras de prata continuará a súa andanza por Galicia. Con ela Abad tratara de estender a achega do seu libro que, partindo dun prezo de 10 euros, leva xa recaudado 3.000. "Esgotar a primeira edición é sinxelo, coa segunda ven o difícil", bromea a escritora, que afirma que segue creando. "Escribo sobre a miña vida de agora. Non é que sexa Pablo Neruda, pero son Luisa Abad", ri.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine