"As nosas historias son fascinantes, cómpre escoitar ao veciño para atopar a marabilla"

O escritor Xurxo Souto presenta a reimpresión do seu libro 'Contos da Coruña', logo de 16 anos da súa primeira edición. É unha compilación de artigos publicados en LA OPINIÓN

02.06.2017 | 20:12
O escritor Xurxo Souto, co libro ´Contos da Coruña´, na rúa da Franxa.

Di Xurxo Souto que hai unha xeración que xa non leu 'Contos da Coruña', ese libro que escribiu no 2001, mestura de artigos para LA OPINIÓN e das historias que contara na 'Tropa da tralla', de Radio Coruña. É unha guía para coñecer a cidade cos seus nomes propios, un álbum de cromos, pero sen fotos, no que as historias van medrando co paso do tempo e os protagonistas cantan xuntos. Esta tarde, a partir das 20.00 horas, no bar A Chencha, na rúa San José, Xurxo Souto presentará a reimpresión desta obra que é case como un libro de familia para todos os que son da Coruña ou senten que son parte dela. Hai historias do 'Urquiola', de noites interminables de tazas de viño, de emigradas que coñeceron a Antártida e de avós valentes que conquistaron o mundo

Co nacemento de LA OPINIÓN, saíron á luz historias esquecidas, desas que nunca antes foran escritas e das que ían pasando de boca en boca até que alguén perdese a voz, o oído ou a memoria definitivamente. Contos da Coruña naceu desas historias recuperadas, aló polo ano 2001 polo escritor Xurxo Souto, seis anos despois fixo unha edición revisada e actualizada e, agora, pasados outros dez anos, Xerais devolve á actualidade este recetario de vidas coruñesas, de memorias que medraron alén do Atlántico e, dun xeito ou doutro, regresaron.

É unha guía de "coruñecemento universal", resume Souto. Esta reedición presentaraa hoxe no bar A Chencha, na rúa San José, ás 20.00 horas. É un exercicio de memoria, mais tamén un arado que abre camiños ao pasado para todos aqueles que non saben ler a cidade coas claves dos seus devanceiros. "Hai unha xeración que se perdeu este libro e creo que é unha boa ocasión para coñecelo", explica o autor, que terá de anfitrión a Xulio Montero, hostaleiro mais tamén percebeiro e poeta.

Conta Xurxo Souto que hai moitas claves na cidade que falan do seu pasado, do seu ADN libertario e loitador, de poboación aberta ao mar e sempre coas maletas na porta, para os que marchan e para os que desexan voltar. "Somos unha cidade de músicos e navegantes", comenta Xurxo Souto, que coñece o nome das pedras que acariñan a Torre de Hércules e que adiviña o pasado das taberneiras polas receitas que poñen nas súas mesas.

Nesta reimpresión de Contos da Coruña, daquelas historias da cidade "que non nos contan en ningures" e do "periplo tasqueiro" volven á primeira liña da memoria nomes propios como o dos Periquetes, unha familia de mariñeiros de Sada, destas que levan no sangue iso de facer grandes cousas, que cantaban en galego en Terranova e que mantiñan segredos co mar, e renacen os sucesos que marcaron o día a día dos coruñeses, así que, tantos anos despois, volve arder o océano, volve Canzobre vestir á moda, a se encheren as tazas brancas de viño do Ribeiro, a se mancharen as camisas en locais enimigos da formica e as cantigas a resonaren até que volve saír o sol.

Para Xurxo Souto, tanto as súas columnas no xornal LA OPINIÓN, como o programa Tropa da tralla, que comezou no ano 1994 en Radio Coruña, supuxeron unha maneira de coñecer mellor a cidade. "Se subimos ao alto da Torre de Hércules, nós vemos o océano, pero os mariñeiros ven os Carpanchos, os Abarracidos, as Tousas de Leste e as Tousas de Vendaval, para min foi unha gran descuberta", explica Souto e salta dun tema a outro, porque tamén toca falar de música e dunha cidade internacional, que non coñece máis fronteiras que as que lle tocou derrubar.

Acórdase Souto de Mercedes Peón, de Bieito Romero, que mercou a súa primeira gaita moi preto da sede deste diario, na tenda Bambuco, de Susana Seivane, de Sés... "Para min é moi importante descubrir que houbo unha xeración de músicos dos anos corenta e cincuenta, que tamén deu a volta ao mundo, como Pucho Boedo, Alvarito Pita, Candelas...", relata.

Mais, por que estes músicos conseguiron levar o seu arte moito máis alá da Ponte Pasaxe... Souto ten a resposta ben clara. "Na Coresma os músicos non podían tocar, o arcebispo de Santiago, Monseñor Quiroga Palacios, non lles deixaba, así que, montaron grupos e marcharon polo mundo e chegaron a Xapón", contesta. Porque os coruñeses eran así, xente viaxeira e loitadora, das que abría camiños e deixaba pegada por onde pasaba.

"A xeografía do Ribeiro está na Coruña, os grandes colleiteiros de viño buscaron nesta cidade e tamén en Vigo lugares onde poderen vender o seu produto, así tiñamos bares con nomes como o Beade, o Odilo, o Sanín, esas claves son case invisibles, pero son marabillosas", comenta, porque foi a través destas revelacións, destas historias, como empezou a descubrir outra realidade "máis intensa".


Haz clic para ampliar el gráfico.  | María S. Freire.

Cómpre só un pouco de "paciencia" para poder recuperar a memoria da cidade, meter os fuciños nos antigos escritos e tamén deixar atrás os complexos para recuperar "o orgullo". "Parecía que a toponimia tradicional non existía, fóronse recuperando nomes e tamén o Entroido, agora a case todo o mundo lle soa quen foi Canzobre ou o partido das mulleres de Elviña, nestes anos foi esmorecendo esa visión provinciana da cidade, de pequeno Madrid que había, para centrarse no que realmente é: unha cidade cosmopolita", relata Souto, porque dun lado zoan os ventos de Nova Iorque, doutro os de Cuba e doutro os de Irlanda e iso imprime un carácter que, nalgún tempo, estivo esquecido.

E volve á primeira liña de memoria tamén o Gremio de Mareantes, que tiña o seu templo onde está a igrexa Castrense, neste libro que xa fala das anguías que medraban no soterrado río Monelos. "Eusebio da Guarda, que era o gran filántropo local da época, foi o que lle usurpou todo o territorio ao Gremio de Mareantes que, en Pontevedra, ten aínda tanta presenza", apunta Xurxo Souto e recurre ao recentemente falecido Agustín Fernández Paz para describir a recuperación do pasado da cidade a través dos seus protagonistas anónimos. "Dicía que a cidade é un libro que se le camiñando", resume.

Contos da Coruña é un tratado do municipio, mais tamén unha guía para coñecer toda Galicia, deixando atrás a idea de "cidade-estado na que ninguén fala galego", defende.

"Se vas polos Castros a maior parte da xente chegou de Lugo, de Friol e dese entorno, a Agra do Orzán é A Costa da Morte, nos Mallos hai moitísima xente de Lugo tamén e estaba aquel mítico bar Orense..." E así, cun anaquiño de cada lado, foise facendo A Coruña, unha terra de artistas e de familias traballadoras, cun ollo sempre posto no mar para escapar, xa fose da antiga prisión provincial, da fame ou do pasado.

"O meu avó era de Perillo e empezou a traballar moi noviño cargando area para as obras da Coruña, pero un medio irmán envioulle diñeiro desde Nova Iorque e comprou un clarinete, entón, deixou de cargar area para se convertir en músico e comezou a tocar cos Canosa de Dorneda e despois foi un dos fundadores dunha das orquestras máis míticas destas Mariñas, Os Satélites, e chegou a tocar en Venezuela. Cada unha das nosas historias é un mundo fascinante e témolo que saber, escoitar ao noso veciño para atopar a marabilla", resume e dío porque o sabe, porque un día, no bar Chantada, pediu unha cunca de viño e a señora díxolle: "Xurxo, a min tamén che me gusta viaxar, eu estiven na Antártida" e seguiu contándolle que, como boa coruñesa, era de Melide e emigrara á Arxentina e alí, co seu home que coñecía a alguén na Armada, fora á Antartida dar unha volta.

E, cando algo así sucede, ningunha historia é o suficientemente disparatada como para ser mentira, así que, A Coruña deu a Amancio e a Luís Suárez no fútbol, deu a Pucho Boedo, "o noso Camarón" e tamén unha canteira de jazz que medra cada día. Fala Xurxo Souto tamén da "elegancia" como rasgo definitorio da cidade e dos que o habitan. "Nós vivimos con dimensións que nos superan, vivimos nunha pedra chantada no Atlántico, comunicámonos co Mar Maior, co vento... Esa relación con magnitudes tan marabillosas é o que nos fai ser elegantes e soñadoras. Xa Arsenio Iglesias dicía que somos como o mar da Torre, somos bravos, somos fortes, pero tamén somos fermosísimos", explica Souto esta parte do "realismo máxico" da cidade. Mais hai tamén unha realidade punki que non se lle escapa a ninguén.

"A xeración do Urquiola vimos caír do ceo choiva negra, cando pensabamos que non podiamos ver nada máis extraordinario, chegou o Mar Exeo, o capitán Stravidis colleu mal a curva da Torre e, aquela vez, vimos como ardía o mar. Pensabamos entón que non habería nada máis extraordinario e o vertedoiro de Bens caeu enriba do océano levando tamén por diante a vida dunha persoa. É unha cidade fermosísima pero na que acontecen tamén historias terribles", resume, porque sabe que non hai que lle dar moi para atrás ao reloxo para atopar fincados nos mesmos bocois de viño aos patróns do Gran Sol cos maxistrados da Audiencia, aos festeiros máis festeiros cos serios máis serios.

"Aquí, até nos anos máis terribles da dictadura e represión, respirábase un certo clima de liberdade", define Souto e foron moitos os que o buscaron coma un oasis no deserto. Mais isto non é un final, porque os Contos da Coruña non rematan con estas historias.

As memorias dos anos pasados están aí, agora quedan por contar as dos novos veciños, as dos que acaban de chegar e veñen para quedar. "Hai barrios fermosísimos como a Agra do Orzán, que se podería chamar Agra Senegal, temos que aprender da experiencia dos nosos maiores, que marcharon a Suíza ou Alemaña pero tardaron moitísimos anos en escoitar a música galega, a Susana Seivane. Pois nós temos que coñecer a esta xente que vén de todas as partes e que son alimento para esta cidade-barco e para unha Coruña multicultural e máis fermosa", di.


Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine