Manel Méndez vén de ser elixido novo portavoz do Consello Local do BNG, tomando o relevo do avogado David Pena. Méndez analiza algunhas chaves do traballo que o Bloque desenvolverá nos próximos dous anos de mandato.

- Será este un Consello continuísta con respecto a anterior?

-Si, porque nós o proxecto político témolo claro. Estamos aquí pola defensa da maiorías sociais, por un emprego digno, e iso non vai mudar aínda que cambie a persoa.

- Cales van ser os temas que porá o BNG na axenda?

-Unha liña fundamental será a defensa da Coruña contra o expolio que se pretende facer vendendo a cachos a Solana, o Finisterre, os peiraos interiores? Tamén nos preocupa moito a mobilidade. Cremos que estamos ante unha oportunidade histórica para que a xestión do transporte sexa municipal e poidamos facer unha revolución respecto ás liñas de bus. En terceiro lugar preocúpanos o emprego, por iso pedimos un plan de industrialización que cambie as políticas de austeridade por políticas de investimento. Con pequenas actuacións, como un banco de locais comerciais ou investimentos en mercados, xa podemos facer moitas cousas.

- Marea compite por un espazo similar ao seu. Como se pode facer oposición o BNG mantendo perfil propio?

-Mentiría se non dixese que temos máis afinidade coa Marea que co PP, pero á Marea achacámoslle que se presentase cun programa cunhas liñas similares ás nosas pero que no fondo non aplican. Ou tardan moito en facer cuestións que demandaban ou se limitan a executar aquelas que xa estaban aprobadas con anterioridade.

-Por exemplo?

-O cambio dos nomes das rúas. Está moi ben que o fagan pero iso é un acordo do bipartito. A este pleno, mesmamente, van decretos de obras que se prometeran para o pasado ano. Neste periodo de goberno non se aprobou substituír as 37 placas de simboloxía franquista que aínda permanecen.

- O novo rueiro aprobouse co bipartito pero non se aplicou.

-Aprobouse a final de mandato e co PPquedou parado.

-Canto lle custaría ao Concello esa municipalización do bus urbano que reclaman?

-Nós non fixemos ningún estudo, porque non somos quen gobernamos nin podemos acceder ás contas de Tranvías. Pero si que temos claro que o Concello non se pode permitir o luxo de pagar arredor de 18 millóns de euros ao ano nunha concesión coa que non ten capacidade nin de modificar liñas nin de aumentar frecuencias. Por primeira vez existe a posibilidade de que o bus puidese pasar a ser público e esa é unha oportunidade de ouro que non se pode deixar pasar.