Cambia o son da gaita só por que a toque unha muller ou por que o seu fol sexa de gore tex? Deixa de ser tradicional o baile por que na roda non haxa saias longas e polainas senón pantalóns vaqueiros? Son as muiñeiras menos fermosas por que as parellas na roda non sexan mixtas? As comisarias da exposición Andar cos tempos... ou de como cribar o gran para mañá, Carme Campo e Chus Caramés, teñen claro que non, que a tradición é algo vivo e que se pode cuestionar, tanto, que até se pode revisar cal é o papel de quen se encarga de que a tradición, sobre todo no baile e na música, non se perdan.

"Nós partimos de reflexionar como nos chega a nós esa tradición e como a queremos transmitir desde un punto de vista igualitario", explica Carme Campo, porque aínda que hoxe en día xa se poidan ver nas foliadas mulleres que bailan con mulleres e homes con homes, non sempre foi así.

"Hai uns anos non era tan común, porque cando transmitiamos esta parte do patrimonio faciámolo seguindo os criterios do que se considera tradición, que era que sacasen os puntos os homes, que houbese parellas mixtas, que a gaita a tocase o home e a pandeireta a muller", relata. E, sobre esta reflexión, de que significa dicirlle a unha nena: "vas facer de home", comezaron a afondar na perspectiva de xénero na tradición. Logo de moitas horas de traballo, de conversas e cantigas, o froito dese traballo está exposto na Casa Casares Quiroga até o vindeiro domingo, no número 12 da rúa Panaderas.

"Cando nos dicían que nós, por sermos mulleres, non podiamos sacar puntos, e preguntabamos por que?, a resposta era sempre a mesma: 'Porque sempre se fixo así'. Iso levounos a buscar como se facía en realidade, se así era a nosa tradición", comenta Campo. A partir das súas recollas pero tamén das de investigadores como Luis Prego ou Mercedes Peón, comezaron a súa viaxe cara ao pasado. "Atopámonos con que eran os homes quen maioritariamente sacaban os puntos, que elas eran maioritariamente pandereteiras e eles gaiteiros, pero hai que pensar tamén a que sociedade pertencían, posfranquista, patriarcal...", un mundo no que estaba mal visto "que unha muller fose a unha taberna, canto máis que se empoderase e sacase un punto", define Campo.

Mais habíaas, non unha nin dúas, senón varias que, habendo homes na roda, guiaban elas o baile, que non quedaban mirando se os mozos non as sacaban ao torreiro e que, desde logo, non estaban dispostas a perder unha festa por unha convención ou por manter a tradición. "Atopamos homes bailando con homes, pasándoo ben, e nas hemerotecas atopamos gaiteiras que eran tamén as managers do grupo, as que xestionaban o diñeiro e as actuacións", explica Campo e, a partir de aí, escolleron con que parte da tradición queren quedar, cal é o gran do pasado e cal é a palla que sobra, e que modelos cómpre reproducir nas súas clases, e cales poden quedar xa como obxecto de museo, para seren estudados, si, pero non reproducidos polas xeracións que agora comezan a bailar.