Manuel Pazos Gómez e Trese Barton percorreron en varias ocasións o Camiño Inglés, ese que une A Coruña con Santiago, que enche de frechas amarelas e vieiras de fondo azul ese traxecto no que algúns buscan a paz interior e outros, simplemente, o pracer de camiñar por deporte, coñecer xente e ver lugares aos que nunca se lles tería ocurrido ir doutro xeito. Xuntos, aínda que cadaquén co seu caderno de anotacións, escribiron a primeira guía sobre o Camiño Inglés feita en galego e inglés.

"Non é unha tradución dos textos, senón que cada un escribe a súa parte", explica Pazos, así que, é o mesmo camiño, pero desde dous puntos de vista diferentes, complementarios, o dunha moza de Michigan, á que destinan a unha escola rural en Galicia e o dun investigador que lle explica que son os hórreos ou que xogar ás cartas despois de comer é algo máis ca unha tradición. A guía está editada polo Concello de Oroso, aínda que percorre o Camiño Inglés completo.

Conta Trese Barton que, cando decidiu que ía botar un ano en España, víase a ela mesma "nunha cálida praia na Costa do Sol", mais o destino tróuxoa a Galicia, a un lugar do que ela nunca escoitara falar e que facer o Camiño significou para ela algo máis que coñecer este roteiro, foi adentrarse na historia e na paisaxe da súa terra de acollida. Barton fala da Torre de Hércules, da Cidade Vella, da praza de María Pita e das súas terrazas. "Sen dúbida, o meu lugar preferido da Coruña é a área que arrodea a igrexa de Santiago: a praza da Constitución, o edificio militar, a praza de Azcárraga e tamén a igrexa románica de Santa María do Campo", relata Barton que, ademais, aos peregrinos con algo máis de tempo, recoméndalles que pasen un día nos xardíns de San Carlos e que non se esquezan de visitaren o castelo de San Antón. No seu camiño, a profesora referencia tamén a estatua do Che Guevara, en Oleiros.

Ao seu paso pola Coruña, Barton descubriu da man que en Galicia hai máis linguaxes que a fala e que nas vilas tamén as campás das igrexas son quen de comunicar novas aos veciños. "Durante a guerra civil, en 1936, miles de persoas en vilas pequenas sabían o que estaba a pasar polas campás, xa que non había televisión nin radio na Galicia rural naquel tempo. Tamén se usaban para informar á xente de que morrera algún veciño. Todo isto é moito máis interesante, xa que hai diferentes sons para cada situación. De feito, é diferente o son que indica que morreu un home ao de que morreu unha muller", indica Barton. O camiño pasa da Cidade Vella aos Cantóns, vai por Linares Rivas e Catro Camiños até chegar á avenida de Monelos, onde as frechas indican que hai que seguir por Eirís e Pedralonga. "Aínda que esta non é a parte máis bonita do Camiño, ten moita importancia histórica, porque no pasado, era por onde entraban os comerciantes á cidade e era onde estaban obrigados a pagar as taxas para venderen as súas mercadorías na Coruña". O percorrido segue pola ría do Burgo, chega a Sigrás e remata a súa primeira etapa no albergue de Sergude. Neste camiño, Barton fala tamén dos petos de ánimas e conta estrañada que os cemiterios sexan xestionados pola Administración. "Se deixas de pagar, por exemplo, quince anos, o corpo é desafiuzado para que outro poida ocupar o seu espazo", comenta.

A guía contén, ademais, fotografías feitas polos autores durante o camiño, información de servizo, como teléfonos de interese e tamén datos históricos, pero tamén conta con imaxes de animaliños, de roupa tendida ao sol, igrexas, petos de ánimas, hórreos e castros, unha ollada desde Michigan a un camiño herdado do pasado.

Na súa parte, Manuel fai tamén un estudo do Camiño, de como está actualmente e de como se pode mellorar, por exemplo, propón eliminar o "feísmo" do roteiro, con creación de fontes de auga potable e zonas de descanso.