A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 552.998 euros ás axudas destinadas ao cofinanciamento dos servizos de comedor escolar xestionados polas asociacións de nais e pais do alumnado de centros públicos no presente curso. Coa axuda da Consellería poderá financiarse ata un máximo do 50% do custo do servizo, podendo ser empregada para sufragar o custo do menú, a vixilancia e o coidado do alumnado, o desenvolvemento dos programas complementarios de promoción da saúde e das habilidades persoais, os gastos orixinados pola contratación de persoal que desenvolva o labor de atención ao alumnado con necesidades específicas, ou os gastos ocasionados pola contratación de pólizas de seguros vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar. Grazas a esta convocatoria, no curso pasado beneficiáronse das axudas da Xunta 95 ANPA (todas as que cumprían os requisitos), o que supuxo atender o 95% das solicitudes presentadas.

Poderán ser beneficiarias destas axudas asociacións, federacións e confederacións de nais e pais de alumnado que xestionen o servizo do comedor nos centros escolares. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. Para a presentación poderanse empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).